Un só médico para atender case 2.000 persoas en Monfero

Centro de saúde de Monfero (Foto: Nós Diario).
Veciñanza afectada comeza mobilizarse para exixir ao Sergas que reforce o cadro de persoal.

O centro de saúde de Monfero leva un mes cun único profesional médico dispoñíbel a tempo completo.

Antes había dous para atender os case 2.000 habitantes deste concello, mais a baixa por xubilación do anterior titular só foi cuberta parcialmente, xa que o reforzo contratado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) apenas acode dúas horas durante dous días á semana.

Aliás, o seu contrato remata a comezos de xuño e todo indica que o oco quedará baleiro.

"O municipio ten unha ampla extensión, así que se o doutor ten que ir atender un ou unha doente ao seu domicilio pode tardar entre unha hora e media e dúas horas en volver ao centro de saúde", denuncia, en declaracións a Nós Diario, Iván Sanmartín, un dos veciños e veciñas que están a presentar senllas reclamacións por escrito ás xerencias de Ferrol, a súa área sanitaria, e Compostela, por ser "a central".

Salienta que isto supón un "gran problema", xa que a poboación está "moi envellecida" e hai persoas que non se poden desprazar. "Facemos esta reivindicación, sobre todo, por eles e elas", sostén. Aliás, nos últimos días ten recadado perto de 200 sinaturas para exixir o restabelecemento do servizo.

"Iremos porta por porta informando a veciñanza", di, e adianta que, de non mudar a situación no vindeiro mes de xuño, non descartan comezar a mobilizarse.

Sanmartín indica que este problema vén de lonxe: "Levamos case tres anos con médicos itinerantes, dous meses un, tres meses outro... E á pediatra trasladárona a finais de mes e houbo que pelexar para que viñese dous días por semana", lamenta. É a mesma profesional que traballa na quenda de tarde no Punto de Atención Continuada (PAC) de Pontedeume.

"A Administración quere que a xente nova non marche do rural, mais desta forma estano a abandonar á súa sorte", reflexiona.