DÍA DA TERRA

Só 3 das 200 especies ameazadas na Galiza teñen un plan de conservación en vigor

Águia real

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza critica o “desleixo” da Xunta a respecto da biodiversidade galega.

Só 3 das 200 especies ameazadas contan cun plan de conservación ou recuperación aprobado e en funcionamento. Denúnciao Adega, crítica co “desleixo pola nosa biodiversidade da Xunta”. A este ritmo, calcula o colectivo ambientalista, farían falla máis de 1.700 anos para que as especies máis “sensíbeis e ameazadas da natureza galega” tivesen as ferramentas para conservarse e recuperarse.

 

O CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) foi aprobado en 2007 e desde aquela, explica Adega, o goberno galego só foi quen de poñer en marcha as ferramentas para garantir a conservación de tres especies: sapoconcho común e escribenta das canaveiras (2013) e píllara das dunas (2014).
 

“Moitas destas especies contan desde 2009 cos planos de recuperación/conservación licitados, elaborados e entregados, cun custo de milleiros de euros de cartos públicos, e levan máis de 10 anos durmindo nunha gabeta sen que a Xunta tivese interese por levalos ao DOG”.
 

O 22 de abril conmemórase o Día da Terra. Este ano está dedicado a chamar a atención sobre a necesidade de protexer as especies ameazadas. Estamos no maior período de extinción de especies dos últimos 60 millóns de anos. Normalmente, cada ano extínguense entre 1 e 5 especies. Arestora, estímase que estamos entre 1.000 e 10.000 veces a taxa normal, con múltiples extincións diarias.