Sindicato Labrego Galego fai 50 anos anovando o seu compromiso cun rural galego “vivo e con futuro”

Bernardo Fernández Requeixo, primeiro Secretario Xeral do Sindicato Labrego Galego, intervén no acto. (Foto: SLG)

As Encrobas, en Cerceda, acolle este sábado o acto conmemorativo do aniversario, con presenza dalgúns dos protagonistas deste medio século de loita labrega.

Festa, memoria e reivindicación déronse a man este sábado nas Encrobas, nome con sitio propio na historia da Galiza, para conmemorar os 50 anos de vida do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. Medio século de organización, compromiso e loita sen qoe que é imposíbel entender a Galiza.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) foi fundado no ano 1973 logo de varios anos de actividade na clandestinidade.

As Encrobas, no concello de Cerceda, comarca de Ordes, foi escenario dunha das loitas sindicais agrarias históricas do SLG, de aí a súa escolla para acoller este sábado un acto conmemorativo que reuniu varios centos de persoas nunha xornada que como eixo vertebrador ten a historia sindical da organización, a través de palestras, música, festa e, “como non podía ser doutro xeito, alimentos labregos”.

O primeiro Secretario Xeral do SLG-CCLL, Bernardo Fernández Requeixo, foi o primeiro en intervir no acto, após a benvida e saúdos. Destacou o valor da afiliación d sindicato, presente nos principais conflitos do rural galego e fixo un sentido chamado: "Avante a loita labrega, avante as comisións labregas".

Xoán Carlos Carreira, ‘Calín’, foi membro dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) dende o ano 1975 e colaborador do Sindicato até a actualidade. Reivindicou na súa intervención as Comisións Labregas como unha resposta ao contexto político e social do momento. A gandeira e responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, pola súa parte, María Ferreiro, explicou o proceso de toma de conciencia e articulación das mulleres no movemento sindical labrego, nomeando algunhas delas para pór en valor este logro colectivo.

Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional da oranización sindical, lembrou que o SLG é "un sindicato formado por xente labrega para xente labrega; e agora e sempre, como durante este medio século, seguiremos loitando na defensa da nosa terra". En representación da Coordinadora Europea Vía Campesiña, o membro do seu comité coordinador, Vítor Rodrígues, puxo en valor o exemplo de loita do SLG-CCLL e as súas achegas para a posta en marcha da 'Vía Campesiña'.

Isabel Vilalba, Secretaria Xeral, retomou o chamamento á unidade "da xente labrega, obreira e mariñeira para defender o noso país" realizado no voceiro sindical Fouce en 1975. "Seguimos sendo imprescindíbeis para defender a nosa terra", sinalou. “É estratéxico defender a nosa alimentación, o noso territorio, a nosa paisaxe, en definitiva, un medio rural proveedor de vida”, poñendo en valor que “as labregas e labregos somos unha parte fundamental da historia de cinco décadas de loitas agrarias, medioambientais e sociais da Galiza”.

As Pandereteiras das Encrobas foron as encargadas de amenizar a sesión vermú que tivo lugar antes dun xantar elaborado con alimentos labregos fornecido pola cooperativa agroecolóxica Co xeito de Gaia.

Pola tarde retomaranse as actividades para  analizar e pór en común experiencias da loita labrega, desde a defensa do territorio até a propia defensa da produción de alimentos. A gandeira lucense María Osorio, a horticultora de Encrobas María Pardo; a vicerresponsábel de Sectores Vexetais, Belén Fervenza; o responsábel do sector vacún de carne, Samuel Formoso, e o responsábel do sector leiteiro, Manuel Villaverde, farán parte deste espazo de coloquio e mesa redonda.

A derradeira parte desta xornada conmemorativa ten como momento emotivo o recital do Himno das Comisións Labregas. A formación musical “Tres pés para un Suso”, que interpreta pezas de Suso Vaamonde, é a encargada de pechar con música, a xornada.