O SLG alega contra o parque eólico de Ordes por “usurpar máis de 6.000 hectáreas ás granxas da bisbarra”

parque eólico

O Sindicato Labrego Galego rexistrou diante do Ministerio de Agricultura un documento de alegacións contra o parque eólico de Pobra que afecta 6.670 hectáreas dos termos municipais de Mesía e, en menor medida, de Oza-Cesuras e Abegondo. O parque, lembra a organización, é promovido por  Green Capital Power, cunha participación maioritaria no seu capital social dun fondo de investimento de Arabia Saudí, e coa presenza na súa dirección  dun xenro de Florentino Pérez, presidente do Real Madrid.

 

Nas alegacións presentadas, o SLG denuncia que 8 dos 15 aeroxeneradores proxectados están a menos de 500 metros de núcleos rurais, “incumprindo a distancia mínima que esixe o Plan Eólico de Galiza e a Lei 5/2017”. En canto á superficie que pretende "expropiar" o proxecto, “está a ser utilizada, na actualidade, con fins agrícolas, gandeiros, forestais e residenciais. A todos estes terreos, habería que engadir a execución de 7.500 metros de camiños dos que nin sequera se fixo informe de impacto ambiental no proxecto da empresa”.

 

Nas alegacións explícase que só no concello de Mesía hai 346 granxas de vacún, con 329 postos de traballo dados de alta na Seguridade Social. Están afectadas tanto granxas convencionais como ecolóxicas. “O feito de que o meirande dos terreos afectados sexan de uso agrícola e gandeiro diminuiría a base territorial das granxas e a súa viabilidade futura”.