A veciñanza da comarca de Ordes recolle sinaturas contra máis parques eólicos

Paisaxe no concello de Frades, na comarca de Ordes.

A construción de parques eólicos na comarca de Ordes está espertando a oposición da veciñanza. “É negativa para os intereses sanitarios e económicos dos veciños, así como para o medio ambiente”, sinalan nun documento para o que procuran sinaturas.
 

“Os proxectos de parques eólicos xa expostos non teñen en conta os impactos acumulados do resto de actividades industriais da comarca”, explican, “e a súa construción provocará un aumento de danos na saúde humana, a perda de valor dos solos das áreas de afección e impactos económicos negativos en numerosos sectores”. Os alcaldes de Ordes (PP), Mesía (PSdeG), Frades (PP) e Oroso (PSdeG) tamén amosaron o seu rexeitamento aos eólicos.

 

“É fundamental reclamar que a Xunta elimine a comarca de Ordes do Plan Sectorial Eólico”, engaden, “xa que polas súas características socioeconómicas e a dispersión dos lugares habitados non é zona axeitada para instalacións deste tipo”.

 

Os proxectos eólicos para a zona son consecuencia da Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais, a coñecida como Lei de Depredación, que suscitou un amplo movemento de protestas e manifestacións e a impugnación por parte da oposición parlamentaria. Os veciños e veciñas responsábeis da campaña de recollida de sinaturas alertan de que o Goberno galego “xa tramita novos proxectos para o monte Inxerio en Ordes e Cerceda, e para Gasalla, entre Frades e Mesía”.

 

O texto que someten á procura de apoios relata, ademais, os danos e prexuízos que causará a instalación dos xeradores eólicos na saúde, nos terreos afectados, na gandeiría, nos trabllos forestais, no ámbito laboral, no medio ambiente, o patrimonio e a paisaxe ou nas infraestruturas.