Sonia Jalda, presidenta de Trega: "A situación dos residentes de Mi Casa non variou"

Sonia Jalda, presidenta de Trega. (Foto:Nós Diario)

Sonia Jalda (Moaña, 1971) é presidenta de Traballadoras das Residencia da Galiza (Trega), entidade que denunciou o funcionamento da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén. Hoxe explica a Nós Diario cal é a situación actual do centro, case, un mes despois das primeiros escritos de queixa na Xunta.

-Cal é a actualmente a situación dos residentes no centro de maiores de Pazos de Borbén?

A situación dos residentes de Mi Casa en Pazos de Borbén non variou, continúan realizando o aseo persoal  ás 5:30 da madrugada, vístenos e vólvenos deitar, os almorzos son as seis da mañá volvendo romper o descanso dos nosos maiores, por falta de persoal, continúan incumprindo os rateos .O material é moi escaso e está baixo chave, os traballadores non poden realizar as súas funcións ao non dispor dos medios materiais. Carécese de médico todos os días, non hai enfermeira as 24 horas, nin sequera nunha quenda completa.

-Teñen alertado nas súas denuncias da falta de medios sanitarios no centro, teñen mellorado as cousas neste aspecto?

A falta de medios no centro é unha das cousas que Trega denunciou insistentemente, como luvas, colchóns antiúlceras, coxíns  antiúlceras, camas articuladas con carro elevador, cadeiras de duchas, carros de enfermería, carros de lenzaría, carros de hixiene, carros de comidas, carros de limpeza, lenzaría de camas, enxoval, ordes escritas por un superior, rexistros e un longo etcétera. Ademais, carecen de papel  hixiénico e os  dispensadores de papel de mans están baleiro e oxidados.

-Outra das cuestións que preocupa a Trega e a situación hixiénica e alimentaria, como está a cousa?

Sabemos que por orde da inspección están a limpar e desfacerse do mobiliario deteriorado e realizando obras menores.  Continuamos sen un menú realizado por persoal cualificado e revisado por unha nutricionista. A comida é de baixa calidade e iso repercute na saúde dos nosos maiores. Continúase gardando alimentos sen rastrexabilidade e con envoltorios inadecuados. Cando descansa a cociñeira a comida realízaa unha limpadora. Hai quendas na que non hai persoal de limpeza.

As auxiliares non ten toallas para secar aos residentes, teñen a orde de utilizar varios días a mesma, non hai esponxan de desbotar para utilizar cos residentes no cambio de cueiro. Continúan sen maquinas de afeitar e son partilladas entre residentes, non hai bolsas de lixo. continuamos sen dietas para  diabéticos, brandas,  hipocalóricas. As dietas son todas iguais.

-Que lle están transmitindo as traballadoras da residencia sobre a actitude da empresa após as inspección da Consellaría de Política Social?

As traballadoras son coñecedoras de todas as inspeccións realizadas no últimas tres semanas, pero están baixo presión por parte da dirección, comunicáronlles que aquí pagarán xustas por pecadoras, e ameázanas dicíndolles que tan pronto saiban quen filtrou a información serán demandadas. Son  cacheadas á entrada da quenda por se levan móbil nos petos, algo que menoscaba a dignidade persoal das traballadoras e vulneran dereitos fundamentais. A día de hoxe o persoal segue comprando a roupa de traballo do seu peto. A falta de organización continúa sendo a mesma.

-Os responsábeis da Xunta da Galiza están sinalando que a empresa resolveu parte das “carencias” detectadas pola inspección da Consellaría de Política Social no centro, que nos pode dicir ao respecto?

Compraron cámaras novas  para alimentos, porque as outras precintáronllas desde inspección ao non reunir as condicións sanitarias. O que se está realizando é un lavado de cara sen mellorar as profundas deficiencias que ten, mesmo estruturais, non cumprindo os mínimos esixidos para un centro de atención a persoas dependentes.

Traballadoras das Residencia da Galiza (Trega), a entidade presidida por Sonia Jalda, canda o colectivo de usuarios da residencias, Vellez Digna, son as dúas entidades que presentaron as primeiras denuncias sobre o funcionamento do centro de maiores Mi Casa a comezos de maio. Precisamente, Vellez Digna ven de facer público un comunicado de prensa onde cuestiona a actitude da Xunta da Galiza e urxe solucións para os residentes de Pazos de Borbén. No mesmo sinalan, que “aos usuarios encamados que ocupan praza concertada, non se lles facilítan, nin colchón anti-escaras, nin protectores de baldas, nin almofadas de talón, nin ningún outro material, destinado a prevención de úlceras por presión ou axudas técnicas que precisen”. Na mesma liña, pide información de “cantos residentes estaban cos cueiros sen cambiar, mollados ou con feces”.