Situación 'insostíbel' no centro de saúde de Viveiro: só hai pediatra un día á semana

Cartel na entrada do centro de saúde de Viveiro, na Mariña. (Foto: Nós Diario)

“Fronte as mentiras do PP, a única realidade é que temos menos e peores servizos”, advirten desde a CIG-Saúde da Mariña.

A sanidade pública da comarca da Mariña “continúa en estado de auténtica emerxencia a consecuencia das políticas do PP”, sendo a Atención Primaria “unha das principais damnificadas”, denuncia a CIG-Saúde da comarca da Mariña.

Actualmente, explican, no centro de saúde de Viveiro non hai pediatras todos os días para atender as crianzas non só deste concello mariñán, senón tamén de Ourol e O Vicedo. “Hoxe, sexta feira, por exemplo, non hai pediatra”, confirman desde a central nacionalista.

“O Sergas envía dous pediatras desde Lugo un só día á semana ou con menos frecuencia”, explican. “De feito, nos últimos meses só tiveron pediatra o 28 de marzo, o 4, o 10 e o 20 de abril e o 3 de maio de 2023”, segundo puido saber o sindicato a través de queixas de nais e pais.

Déficit crónico

Pola súa banda, a CIG-Saúde da Mariña exixe que se dea unha solución inmediata en relación ao servizo de pediatría do centro de saúde de Viveiro, en concreto, e na Mariña, en xeral, xa que “non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada”.

Desde a CIG subliñan que “esta política de desmantelamento” da Atención Primaria, que afecta con maior intensidade ao rural, “interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en crianzas acabadas de nacer, pola importancia do seguimento de escasos días que debe realizarse”.

Ademais, advirten, o feito de non haber pediatra en Atención Primaria “implica colateralmente a saturación doutros servizos”.

Área sanitaria de Vigo

Tal é o recente caso da área sanitaria de Vigo, na cal Sanidade intentou instaurar un protocolo que intentaba suplir a ausencia de pediatras nos centros de saúde. Esta folla de ruta propuña que fora o servizo de enfermaría o que atendese as urxencias pediátricas, que logo serían atendidas por vía telefónica por pediatras doutros centros.

Após protestas de nais e pais, da CIG e do BNG, Sanidade recuou e viuse obrigada a “modular” o protocolo inicial.