Situación Covid: estabilidade en contaxios e hospitalizacións

Punto de vacinación no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Os casos activos da enfermidade volven rexistrar un descenso de 42 nun día e sitúanse nos 1.302, a niveis de agosto de 2020.

A unha semana da fin da máscara ao aire libre, os novos contaxios de Covid-19 detectados nun día volvéronse situar por baixo do centenar, 91, cunha lixeira repunta de catro máis con respecto aos da xornada anterior.

Ademais, a presión hospitalaria provocada pola pandemia estancouse nos 61 ingresados, aínda que os casos activos da enfermidade descenderon de novo até os 1.302, que son 42 menos que un día atrás.

Segundo os datos publicados na mañá deste sábado, 19 de xuño, pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da sexta feira, 16 pacientes Covid continúan en unidades de coidados intensivos e 45 noutras unidades de hospitalización.

Estas cifras globais son exactamente as mesmas que hai un día, debido a que as pequenas subidas de pacientes en planta rexistradas nas áreas sanitarias de Ferrol, Ourense-Verín-O Barco, Pontevedra-O Salnés e Vigo vense compensadas pola baixada na Coruña-Cee. Nas UCI, non houbo cambios en ningunha das sete áreas.

Así, rexistraron lixeiros repuntas dos hospitalizados con Covid a área de Ferrol, con cinco persoas en unidades convencionais (+1) e tres en UCI; na de Ourense, con dúas noutras unidades (+1) e unha en críticos; na de Pontevedra, con oito en planta (+1) e unha en coidados intensivos; e na de Vigo, con oito (+1) e dous, respectivamente.

Mentres, na área da Coruña caeron en catro os pacientes ingresados en planta, até os 15, en tanto que seguen en sete os de UCI.

Así mesmo, non houbo variación na área de Santiago-Barbanza, que segue con catro en unidades de hospitalización convencional e un en UCI; nin na de Lugo-A Mariña-Monforte, con dous e un, respectivamente.

Menos casos activos

En canto aos casos activos, tras o lixeiro aumento da quinta feira que interrompeu 25 xornadas consecutivas en descenso, os datos publicados este sábado por Sanidade volven reflectir un descenso até os 1.302 ─42 menos en 24 horas─, a niveis de agosto do pasado ano.

Por áreas sanitarias, os pacientes de coronavirus tan só subiron nas últimas horas na de Ferrol, que contabiliza 101 ─cinco máis que hai un día─; e na de Pontevedra-O Salnés, con 120 ─tres máis─.

En canto ao resto de áreas, en todas baixaron: A Coruña-Cee notifica 411 (-20); Vigo 235 (-9); Lugo-A Mariña-Monforte, 164 (-11); Ourense 150 (-5); e Santiago-Barbanza, 121 (-5).

Soben levemente os contaxios

Esta evolución positiva vai aparellada dunha lixeira suba de novos contaxios, 94, nove máis que o día anterior. A Coruña-Cee acumulou 26, seguida das 18 de Vigo, 12 de Santiago, 11 en Pontevedra, 10 en Ourense, 10 en Ferrol e cinco en Lugo.

O número de persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no do país ascende a 2.433 tras comunicar a Xunta na sexta feira o pasamento de dúas persoas.