O sistema escolar exclúe a quen máis dificultades ten

A vulnerabilidade económica e o 'bullying' elevan o risco de exclusión escolar. (Foto: Nós Diario)
Unha trintena de expertas en Educación das tres universidades galegas instan á Xunta a incorporar ao sistema educativo figuras profesionais capaces de frear a exclusión escolar que está a deixar fóra unha porcentaxe moi alta do alumnado galego.

"A excelencia en educación é dar resposta ás necesidades do alumnado, é construír un sistema educativo inclusivo e seguro, e non seguir insistindo nun sistema puramente instrutivo". Deibe Fernández Simo é profesor da Universidade de Vigo e vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza. Vén de participar xunto a outros colegas das universidades de Santiago e da Coruña, expertos en Educación, nun encontro que deu a coñecer as principais liñas argumentais que xustifican a "urxente" incorporación de profesionais da Educación Social ao ámbito escolar.

A escola debe atender a realidade social do alumnado, sen parches nin programas que dilúan a súa responsabilidade

"A excelencia educativa da que tantas veces fala a Xunta da Galiza transita inevitabelmente por dar apoio á diversidade do alumnado", que non é todo igual nin require das mesmas respostas. Fernández Simo advirte que no sistema educativo faltan figuras profesionais especializadas, agora ausentes. É o caso das educadoras sociais, "determinantes na loita contra o acoso escolar, para actuar de enlace entre as familias e a escola ou para a detección de situacións de vulnerabilidade". Neste momento, explica, só interveñen cando o alumnado xa foi apartado do sistema. "Facémoslle pasar por todas as penurias da exclusión, con todas as consecuencias, pero  non hai fortaleza para evitar ou minimizar ese impacto cunha intervención precoz".

Exclusión, non fracaso

Deibe Fernández Simo asegura que é difícil cuantificar a porcentaxe de alumnado en situación de risco ou exclusión escolar. "Téñense feito catas puntuais nun colectivo concreto, como o de menores en protección, con resultados que variaban entre 80 e  83%".

A exclusión escolar, di, é resultado de factores institucionais, persoais, sociais e familiares; "pero na Galiza sempre se atribúe a factores de carácter individual, obviando a dimensión social, a realidade familiar e a práctica pedagóxica; que polo seu funcionamento tende a excluír alumnado cunhas circunstancias sociais ou persoais que lle impiden dar resposta ás demandas que marca a escola".

O dereito á educación non é efectivo se abandonamos a quen máis dificultades ten

Fálase de fracaso escolar. "Táchase o alumnado de fracasado e elúdense outras cuestións, alleas á capacidade de opción das crianzas, que a escola debera atender, pero que insiste en sortear". A escola, afirma Fernández Simo, debe atender a realidade social do alumnado, "sen parches nin programas que dilúan a súa responsabilidade".

Neste sentido censura a figura do coordinador de benestar -chamado dinamizador de convivencia, na Galiza-, un cebo carente de especialización. "Na última década non houbo unha soa acción por parte da Administración que dea resposta de forma sistemática a cuestións de carácter social" que son causa de exclusión: a vulnerabilidade económica das familias, o acoso escolar ou LGBTI, as dificultades de conduta.

"Non hai resposta por parte do sistema educativo porque o equipo docente non ten información nin profesionais que poidan contribuír a que todas esas dinámicas de inclusión poidan ser atendidas de forma integral. O dereito á educación non é efectivo se abandonamos a quen máis dificultades ten".