O sistema de correntes do Atlántico mostra os primeiros signos de colapso

Un iceberg flotando no océano. (Foto: Richard Turner)

Un grupo de investigadores da Universidade de Ultrecht (Holanda), presenta un artigo no que advirten das consecuencias que traería para o planeta o colapso dunha corrente marítima no océano Atlántico.

O pasado 9 de febreiro publicouse na prestixiosa revista Science Advance un artigo asinado por tres investigadores da Universidade de Utrecht, Holanda, que suxiren, a partir de simulacións informáticas, que a circulación das augas do océano Atlántico encamíñase cara a un punto de inflexión, que, advirten, "é bastante malo para o sistema climático e a supervivencia dos seres humanos".

Aínda que non foron capaces de prever con exactitude cando se producirá o punto de inflexión (podería ocorrer dentro dos próximos 100 anos ou incluso antes), si declararon que a velocidade á que avanza este colapso é alarmante..

As augas do océano Atlántico manifestan un patrón de comportamento que os expertos denominan AMOC, e que fai referencia ás correntes superficiais e profundas existentes no Atlántico -a Corrente do Golfo forma parte deste sistema- que se caracterizan polo fluxo de auga cálida e salgada cara ao norte, pero que tamén provoca un caudal cara ao sur, composto por augas máis frías.

As augas cálidas e superficiais parten desde Florida, soben cara ao norte e alí arrefrían e interactúan coa auga doce do derretemento de Groenlandia e das choivas, afundíndose. Unha vez nas profundidades, a masa flúe cara ao ecuador, onde o ciclo se repite. AMOC encárgase de distribuír enerxía polo noso planeta, transportar nutrientes e modular o impacto do quecemento global. Se este fluxo crebase a temperatura do planeta podería verse afectada.

O estudo publicado en Science Advance revela que se están a producir cambios nos patróns de circulación actuais de AMOC debido ao derretemento, máis rápido do que se esperaba, dos glaciares e das capas de xeo no Ártico de Groenlandia. Estas capas de xeo son as encargadas de verter auga doce ao mar e, como consecuencia, obstaculizan o afundimento de augas máis salgadas e cálidas do sur. O circuíto estase a frear agora polo aumento da auga do desxeo, que actúa como 'tapón' provocando que cada vez se acumule máis auga quente en zonas do Atlántico, mentres as frías se estancan no norte. 

Os autores do artigo simularon as consecuencias da entrada de auga doce no sistema -como a procedente do desxeo de Groenlandia debido ao quecemento global, pero tamén da choiva ou da escorrentía fluvial. Descubriron que a corrente oceánica ía debilitándose lentamente até chegar ao seu punto de inflexión. Entón sufría, nun período de menos de cen anos, un colapso repentino.

Os científicos de Utrecht fixeron predicións sobre o que sucedería nun eventual colapso da AMOC. E, entre as consecuencias deste colapso están o aumento dun metro dos mares atlánticos que provocaría a inundación de varias rexións costeiras. E, no caso de América do Sur, por exemplo, as estacións húmidas e secas na Amazonia (rexión que xa sofre os estragos do cambio climático), cambiarían radicalmente.

En Europa, o fenómeno provocaría un arrefriamento moi forte e rápido do clima, a máis de 3ºC por década ou 30 graos nun século. "Ningunha medida de adaptación realista pode facer fronte a cambios de temperatura tan rápidos nun colapso de AMOC", advirten no estudo. "O colapso de AMOC cambia drasticamente a redistribución da calor (e do sal) e ten como resultado un arrefriamento do hemisferio norte, mentres que o hemisferio sur se quentaría lixeiramente".

Sobre se aínda existe a posibilidade de reverter o colapso de AMOC, tanto os científicos que presentaron esta última investigación como outros estudos que se realizaron sobre o tema nos últimos anos, todo apunta a que é irreversible. Aínda que non hai consenso sobre cando ocorrerá.