O Instituto Xeográfico Nacional (IXN) rexistrou na madrugada desta segunda feira un terremoto de magnitude 5,5 na escala de Richter no Atlántico, ao sur da capital de Portugal, Lisboa.
O organismo sinalou que o sismo tivo lugar ás 5.11 horas (hora portuguesa, ás 6.11 horas na Galiza) a 19 quilómetros de profundidade, segundo o cálculo revisado publicado na súa páxina web.
O sismo sentiuse tamén en varios puntos da Galiza, en localidades como Tomiño ou A Guarda (O Baixo Miño), Vigo, Soutomaior ou Gondomar (comarca de Vigo), Bueu ou Moaña (O Morrazo), Ribeira ou Boiro (O Barbanza), mais tamén en concellos do norte do país como Cambre, A Coruña ou Narón (comarca de Ferrol). Igualmente, sentiuse no Estado español, especialmente en Huelva, así como en Marrocos.
O presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, informou de que “as réplicas, ao contrario doutras circunstancias e doutros tempos, semellaban ten unha tendencia decrecente, afastando por tanto a especulación sobre réplicas de certa entidade”. As tres réplicas que seguiron ao sismo tiveron unha magnitude de 1,2, 1,1 e 0,9 respectivamente, e as autoridades descartaron que houbera risco de tsunami.
Este sería o terremoto máis forte rexistrado na rexión desde o ano 2009, cando os sismógrafos detectaron un sismo de magnitude 6,1 tamén na costa sur de Portugal.
Esta semana a Câmara Municipal de Lisboa puxo en marcha unha aplicación para que as e os cidadáns poidan coñecer o risco sísmico dos edificios e casas nos que habitan.
Fin ao lume na Madeira
Marco Lobato, voceiro do servizo rexional de Proteção Civil da Madeira, ratificou a segunda feira que o lume que se desatou o 14 de agosto na illa homónima, e que afectou a área de laurisilva, considerada Patrimonio Mundial pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), está “totalmente extinguido”.
Lobato detallou que despois de considerar extinto o lume o sábado após queimar máis de 5.000 hectáreas, o domingo detectaron a reactivación de “pequenos focos”, resultado de “puntos quentes”.
A resposta ás lapas do Goberno rexional, dirixido polo conservador Miguel Albuquerque (Partido Social Democrata), foi amplamente criticada tanto pola oposición como polos seus socios do CDS-Partido Popular.