Sindo Guinarte: "O que pasou co encontro de mozos pouco ten a ver co modelo turístico"

Sindo Guinarte durante a entrevista no Pazo de Raxoi, sede do Concello, en Santiago (Foto: Arxina).
Estes días, coa chegada da Peregrinación Europea de Mozas e Mozos, todas as olladas estaban no Concello de Santiago e na organización do evento. Nós Diario conversa co responsábel municipal de Turismo, Sindo Guinarte, sobre esta visita e o modelo que se procura desde o Pazo de Raxoi.

—Que lle está a parecer este dobre Xacobeo a nivel de turismo?
O ano pasado foi atípico. O sector estivo fechado desde marzo de 2020 até case mediados de 2021 e precisou apoios das administracións para resistir. Este xa está sendo un ano máis normal. En xullo creo que melloraremos, aínda que non contamos coas estatísticas do INE. As informacións do aeroporto son boas en relación ao tráfico aéreo. Con estes antecedentes, penso que o sector precisaba un momento de intensidade para reequilibrar as súas contas. Hai que ter en conta que unha parte solicitou créditos ICO que teñen que devolver. Sabendo que o turismo é o 20% do Produto Interior Bruto (PIB) da cidade, se vai ben, como sector importante, influirá no conxunto do municipio.

—A que tipo de turista aspira o Concello o Santiago?
Aspiramos claramente a un turismo de calidade. Un turismo que visite a cidade desestacionalizadamente, que non se concentre nos meses centrais do ano. Un turismo que pernocte máis días e non que veña e marche sen durmir. Ese é o que deixa máis diñeiro e recursos.

Aspiramos claramente a un turismo de calidade.

Os sectores que máis se acomodan a ese perfil son os que veñen de mercados internacionais afastados como o americano ou o asiático. Coinciden cos que veñen máis fóra da tempada alta. Tamén o turismo de congresos, máis desestacionalizado, que estivo ben este ano. Ten un poder adquisitivo alto e ás veces veñen acompañados e fan gasto. Resumindo, queremos un turismo de calidade, desestacionalizado e de alta capacidade adquisitiva. No fondo estamos a dicir que queremos un turismo económica, social e medioambientalmente sostíbel.

—Como se consegue ese turismo?
Non facemos promoción do turismo de verán e moito menos do denominado “de zapatilla” ou semellante. Ademais, traballamos cos touroperadores asiáticos e norteamericanos e promovemos os congresos. Temos en conta, iso si, que estamos nun destino de peregrinación ao que chega moita xente por un camiño aberto que non ten “portas”, algo que forma parte da identidade turística da cidade. Mais nós non o promovemos en absoluto.

—En relación ao destino de peregrinación, hai diálogo coa Igrexa? Estes días hai críticas pola falta de organización.
Estamos nun Ano Santo que foron dous, mais que en realidade está sendo este. Non podemos extrapolar o que pasa neste ao doutros que virán. Nos seguintes, non haberá este boom. Hai que recoñecerlle á Xunta que fixo do Camiño de Santiago un destino turístico de éxito. O “problema” para nós é que todos os camiños rematan en Santiago. Coa Igrexa falamos da conveniencia de que as excursións parroquiais se fagan noutros meses do ano. Así poderán mesmo visitar a Catedral, que ten un límite de ocupación. E hai menos excursións. 

Teñen que convivir os dous modelos: o que buscamos e o de peregrinación. Antes de ser outra cousa Santiago era unha ermida á que viñan peregrinando e por iso se construíu a cidade. Somos unha cidade acolledora mais somos conscientes de que en certos momentos pode supoñer unha sobrecarga de determinados espazos públicos.

No plan de sostibilidade turística, da man da USC, levaremos a cabo unha acción que se chamará “Pacto local por un turismo sostíbel”. Pretenderá recoller as demandas dos distintos sectores implicados que son a veciñanza, comerciantes, hostalaría e visitantes das áreas máis recargadas e ver como facer que todos se poidan sentir cómodos entre a actividade turística e a cotiá dun barrio ou dun espazo público. Despois concretarase en normas de obrigado cumprimento que sexan posíbeis. Somos conscientes de que en determinados lugares da cidade a peregrinación xera un problema e solucionalo será un dos nosos obxectivos.

Fixemos reunións coa Igrexa para organizar pola nosa parte ese encontro. Dixémoslle que era unha época moi complicada

—Foi un erro da Igrexa traer a PEJ 2022 ao mes de agosto?
Non me atrevo a xulgalo. Fixemos reunións coa Igrexa para organizar pola nosa parte ese encontro. Dixémoslle que era unha época moi complicada, no máis álxido da tempada turística e con moita xente que sobrecargaría moito o espazo público mais eles teñen a súa propia axenda. Se se fixese noutra época do ano tería menor impacto sobre o conxunto da cidade.

En todo caso, o que pasou en Santiago coa PEJ 2022 pouco ou nada ten que ver co modelo turístico. É algo puntual que se produce cando organiza a Igrexa e que responde a un motivo relixioso, non son viaxeiros. Aínda que consigamos o modelo de turismo que buscamos isto podería volver suceder outro Ano Santo. Forma parte da idiosincrasia da orixe de Santiago e está no seu ADN.

Aínda que consigamos o modelo de turismo que buscamos isto podería volver suceder outro Ano Santo

O edil de Turismo, durante a entrevista concedida a 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—A hostalaría pediu diálogo para poder participar neste tipo de eventos e hai críticas pola falta de uso dos propios espazos da Igrexa na cidade. 
A min teríame gustado máis que a Igrexa contase coa hostalaría cando organizou este evento. Tampouco sei se terían capacidade de atender a inxente avalancha de persoas. Non temos capacidade de intervir nese ámbito. En relación aos espazos da Igrexa, é certo que ten moitos e moi grandes mais creo que non cumpren unhas condicións mínimas para este tipo de eventos. A cesión dos pavillóns fíxose de acordo coa ordenanza e pagaron as tarifas. Quero pensar que non fixemos competencia desleal.

Taxa nas excursións e couto ás vivendas de uso turístico

Case a práctica totalidade de países europeos teñen un imposto para que os visitantes contribúan especificamente ao sostemento das cargas da súa visita consumindo servizos nas cidades. "Non ten incidencia na demanda turística", asegura Guinarte, "e cremos que é un modelo para que poidamos estabelecelo. Os recursos irían para sufragar servizos".

A aposta municipal sería, para o responsábel de Turismo de Santiago, unha "taxa de desembarco" que se aplicaría "aos excursionistas e deberiamos pensar un modelo semellante para os que chegan en autobús, subindo as taxas da dársena". En relación ás vivendas de uso turístico, Guinarte afirma que están "facendo cumprir a moratoria de novas vivendas de uso turístico. Hai que acoutar estas vivendas no casco histórico".