Sindicatos ven "insuficiente" a OPE educativa de 2024, con 1.743 prazas

Exame de oposición decorrido o pasado mes de xuño. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)
Non aumenta o número de docentes no curso 24/25

A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades prevé publicar a quinta feira 15 de febreiro a convocatoria das oposicións docentes de 2024. A partir de entón, abrirase o prazo de 15 días hábiles para solicitar a inscrición. Ademais, a Xunta proporá a outras comunidades autónomas consensuar que as probas decorran o 22 de xuño.

Así o trasladaron representantes da Administración aos sindicatos que esta terza feira participaron nunha extensa xuntanza da mesa sectorial docente non universitaria (CIG, CCOO, ANPE e UXT). Todas as organizacións sindicais coincidiron en criticar a insuficiencia da oferta, que consta en total de 1.743 prazas, aínda que máis de 200 están destinadas a promoción interna. 

A principal crítica unánime, máis aló da "falta de negociación" das cifras por especialidades presentadas no borrador da semana pasada, é que non se inclúen as vacantes xeradas no ano 2022 a efectos da taxa de reposición, é dicir, por causas como xubilacións e falecementos, entre outras. Se ben as de 2023 están cubertas ao 120%, faltan as do ano anterior.

A "peor" OPE dos últimos anos

Os sindicatos estiman que podería haber máis dun milleiro de prazas que Educación agora "come" ao non ofertalas aínda, tal e como lamenta o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen ademais censurou que esta OPE será a "máis pequena dos últimos anos, desde 2018, cando se convocaron 1.653 prazas".

"Non se vai crear nin un posto de traballo novo", afirmou o dirixente sindical. Isto é,non terá "ningunha repercusión" a baixada de alumnado por aula de Educación Infantil que comeza o vindeiro curso académico. 

Borja Campos, de CCOO, fala de "oportunidade perdida", ao non incluír as vacantes da taxa de reposición de 2020, algo que tamén critican Julio Díaz, presidente de ANPE, e Sandra Montero, portavoz de UXT-Ensino. "A oferta pendente de 2022 ten que aparecer por algún sitio", inciden os sindicatos.