Os sindicatos urxen a Educación que concrete as prazas da OPE por especialidades

Mesa sectorial do ensino (Xunta de Galiza).
As organizacións sindicais láianse das formas da Consellaría de Educación, que non negociou nada coas respresentantes do profesorado nin achegou nova información sobre a repartición das prazas por especialidades; unha decisión que adiará até finais de xaneiro.

O Goberno galego levou á mesa sectorial do ensino os datos xa coñecidos sobre a Oferta Pública de Emprego en Educación prevista para o ano 2020. As organizacións sindicais reprocháronlle aos responsábeis da Consellaría que acudira ao encontro sen ningunha información máis específica que a que avanzou o presidente Alberto Núñez Feixoo após o consello da Xunta da semana pasada.

En total, a oferta presenta 3.654 prazas, aínda que só 2.036 son de acceso libre, xa que unhas 1.300 a maiores están reservadas para promoción interna e catedráticos.

A suma de prazas libres proceden daquelas destinadas a cubrir a taxa de reposición -unhas 902, incluídas 888 xubilacións-, e dos postos de estabilización -1.134-.

Segundo o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, trátase da oferta "máis ampla da historia", que se eleva "ao máximo" o número de prazas que se podía convocar por lei para reposición de efectivos e de estabilización de emprego.

Pola súa banda, os sindicatos foron moi críticos coas formas da Administración á hora de anunciar a OPE e, sobre todo, coa falta de datos sobre a distribución final das prazas por especialidades.

O máis negativo é que a oferta non implica un aumento do total de docentes. Simplemente unha substitución, un cambio de persoas interinas por funcionarios de carreira.

Desde CIG-Ensino conclúen que “a mesa foi un simple paripé”. Segundo Suso Bermello, “a OPE que se vende aos catro ventos conta cun 44% de prazas de promoción interna", e en consecuencia, "o máis negativo é que a oferta non implica baixo ningún concepto un aumento do total de docentes. Simplemente unha substitución, un cambio de persoas interinas por funcionarios de carreira", reiterou.

Julio Díaz, de ANPE, cuestionou que a Consellaría de Educación chegase á mesa sectorial con “todo pechado”, sen “ter negociado nada” e sen concretar o número de prazas por especialidade. "É unha boa oferta, pero non a que se anunciou aos catro ventos", asegurou, por iso reclama que se impulse "un verdadeiro concurso-oposición".

Oferta “moi positiva”

O resto de organizacións coincidiron en que se trata dunha oferta "moi positiva", pero tamén lle piden á Xunta que concrete a súa proposta por especialidades.

José Fontes, de CCOO Ensino, destacou que esta oferta é "consecuencia directa" do acordo subscrito tanto no Estado como na Galiza para reducir a interinidade do sistema educativo, malia que non cre que se acade “5% de temporalidade".

Na mesma liña, Paula Carreiro de FeSP UXT agradeceu que se impulse unha OPE "positiva", aínda que con números "mal empregados" que non a fan tan grande como se pretende facer ver. Ademais, amosou a súa "preocupación" polo feito de que a Consellaría retase até febreiro a distribución das prazas por especialidades.