OPE en Educación: Os sindicatos urxen un concurso oposición auténtico

Aspirantes a mestras e profesoras examínanse no recinto feiral de Silleda.
A Consellería de Educación deu a coñecer o número de prazas por especialidade da Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2020 para o ensino non universitario. Era unha demanda urxente das organizacións sindicais, moi críticas coas formas da Administración, co modelo selectivo e coa falta de negociación das especialidades e dos postos ofertados. En total, sairán a concurso 2.036 prazas de novo ingreso. 747 para infantil e primaria, 781 para ensino secundario, 363 para formación profesional e 145 para os corpos de artes, música e idiomas.

A Xunta da Galiza presentou onte na mesa sectorial de educación o detalle das prazas que van ser convocadas en cada unha das especialidades do ensino non universitario no marco Oferta Pública de Emprego prevista para este ano.

A OPE incluirá un total de 2.036 prazas de novo ingreso para perto dun cento de especialidades. Segundo as cifras presentadas pola Consellería de Educación, Universidade e formación Profesional, o corpo de infantil e primaria contará con 747 prazas distribuídas entre oito ramas. Destacan dúas: Educación Infantil e Pedagoxía Terapéutica, con 150 cada unha.

O corpo de profesores e profesoras de ensino secundario disporá de 781 prazas repartidas en 35 especialidades, entre as que sobresaen as de Matemáticas, con 97 postos; Orientación Educativa, Xeografía e Historia, e Lingua Galega e Literatura con máis pouco máis de 50, e, por segundo ano, Portugués, con 4 prazas.

"Os representantes do profesorado arremeteron contra o actual sistema de oposicións".

O profesorado técnico de formación profesional contará con 363 prazas, para un total de 24 disciplinas. Sistemas e Aplicacións Informáticas, con 38; procesos de Xestión Administrativa, con 28, e Equipos Electrónicos, con outras tantas, son  as especialidades con máis postos asignados.

A maiores, a distribución da Oferta Pública de Emprego presentada pola Administración para educación recolle 30 prazas dirixidas ao profesorado de Escolas Oficias de Idiomas, outras 30 destinadas ao profesorado de Artes Plásticas e Deseño, e 85 máis para o corpo de profesoras e profesores de Música e Artes E.

O texto facilitado ás organizacións sindicais non inclúe as prazas reservadas para a promoción interna e o acceso a cátedras, un procedemento independente do que aínda non se coñece o texto da convocatoria

"Proposta ampla"

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, José Manuel Pinal, destacou que se trata dunha proposta "moi ampla e moi esperada por todo o mundo" coa que confían en achegarse a 5% de interinidade no marco do acordo de estabilidade subscrito con varias organizacións sindicais, e que actualmente se sitúa entre 7 e 8%. 

"A Xunta convoca o máximo que lle permite a taxa de reposición".

Pinal asegurou que a Xunta convoca "o máximo" que lle permite a taxa de reposición, ademais de poñer o foco nalgunha das principais novidades: as prazas ofertadas para Portugués e para o corpo de profesoras de Música, se ben, engadiu, a proposta inclúe "moitas prazas novas" e "especialidades nas que había anos que non se convocaba" emprego.

Novo modelo selectivo

Todos os sindicatos, salvo a CIG Ensino, a organización maioritaria no sector da educación, aplaudiron a profusión da oferta presentada pola Administración galega. Con todo, criticaron por xunto tanto o proceso como a falta de negociación demostrada pola Consellaría de Educación.

Os representantes do profesorado arremeteron contra o actual sistema de oposicións. Segundo Suso Bermello, secretario nacional da CIG Ensino, o procedemento selectivo "non está pensado para ter en conta a experiencia". O principal problema, dixo, é a ausencia dun concurso oposición real, o que motiva que moitas prazas queden desertas, 5,4% en 2018 e 7,4% en 2019. "Os tribunais fan unha auténtica criba na primeira parte da oposición (proba práctica e exame teórico) e impiden á maior parte das persoas aspirantes pasar á segunda parte (programación e unidade didáctica), o que evita a baremación dos méritos dos que dispoñen", aclarou.

A información completa pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na lectura na nube do diario.