Organizacións sindicais, xuvenís, ambientalistas e sociais solidarízanse cos 12 encausados na ‘Operación Jaro’

O manifesto pola absolución dos 12 independentistas e contra a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar supera as 1.500 adhesións.

A vindeira segunda feira, 19 de outubro, está marcada a vermello no calendario dos 12 independentistas galegos que ese día teñen que comparecer na Audiencia Nacional para asistir ao inicio dun xuízo no que se lles pide máis de 100 anos de cárcere e no que está sobre a mesa a ilegalización da organización política Causa Galiza e o coletivo anti-represivo Ceivar.

O día antes, 18, hai convocada en Compostela unha manifestación nacional para pedir a absolución destes 12 independentistas procesados e denunciar a ‘Operación Jaro’.

Durante estes días diferentes organizacións, colectivos e entidades amosaron a súa solidariedade e apoio para con estes independentistas, así como rexeitaron o proceso que se activa desde a Audiencia Nacional.

Entre elas, sindicatos como CIG (primeira forza sindical na Galiza) e CUT; organizacións ambientalistas como Adega, colectivos xuvenís como Galiza Nova, Isca, Xeira, Mocidade pola Independencia ou Briga.

Tamén colectivos de montaña, centros sociais, representantes de organizacións como BNG, Anova, Anticapitalistas, da esquerda abertzale e da esquerda independentista catalá.

Sinaturas

Neste sentido, o manifesto pola absolución dos independentistas encausados na 'Operación Jaro' xa suma máius de 1.500 adhesións.

Un manifesto que xa asinaron representantes do mundo do traballo, como os  secretarios xerais de CIG (Paulo Carril), CUT (Ricardo Castro) e SLG (Isabel Vilalba), así coma o presidente da Federación Rural Galega, Xurxo Álvarez. Tamén representantes políticos, como Ana Miranda, Néstor Rego, Goretti Sanmartín ou Noa Presas (BNG) ou Antón Sánchez, Carme Peña (Anova) e Oriana Méndez (Marea de Vigo).

Historiadores como Dionisio Pereira, Bernardo Máiz, Xosé R. Hermida ou Eliseo Fernández; voces do mundo da cultura como María Xosé Silvar ‘Ses’, Xurxo Souto, Suso de Toro, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xurxo Borrazás, Antón Dobao, Manolo Bacalhau ou integrantes de Dakidarría; ensaístas como Carlos Taibo e H. Miguélez Carballeira; entre as asinantes.

Tamén nomes claves na historia recente da Galiza, como Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras ou Méndez  Ferrín; economistas como López Suevos, Suso Veiga, Xosé Díaz; e integrantes de diferentes movementos e colectivos ambientalistas, feministas, sociais…

"Castigo exemplarizante"

O manifesto consta de catro puntos nos que se mostra a preocupación dos e das asinantes por un proceso xudicial que entenden que bate con dereitos fundamentais. “Non podemos observar con pasividade o desenvolvemento de operacións de montaxe policial e de impulso de intentos de criminalización e ilegalización de organizacións políticas, independentistas neste caso, porque máis alá do seu obxectivo concreto e próximo, tolerar estas derivas implicaría aceptar o recorte de dereitos e liberdades.”

“Solicitar penas que suman 102 anos de prisión, con condenas individualizadas que van de 4 a 12 anos, cando en boa parte da argumentación acusatoria non existe fundamento probatorio, parece aproximarse, máis ben, a un intento de amedrentamento e castigo exemplarizantes, algo que xa parece habitual nun tribunal político de excepción deseñado e motivado para a represión política en lugar de para a impartición de xustiza”, indícase.

Por iso, as persoas que apoian este manifestó indican que: “Consideramos como imperativo que a Audiencia Nacional absolva as persoas encausadas, restituíndo todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas, ás que se debe restaurar o seu lexítimo dereito á plena intervención pública presente e futura”.