Os sindicatos non asisten ao Consello Escolar ante a falla de negociación da Consellaría

San Caetano, edificios administrativos da Xunta

Con este ‘plante’ queren visibilizar o seu “profundo malestar” pola intención de Educación de “baleirar de contido todas as mesas e órganos de negociación”.

CIG-Ensino, CCOO-Ensino, Anpe e FeSP-UXT non acudiron ao Consello Escolar da Galiza, unha decisión derivada do que consideran “ausdencia de negociación” da Consellería. CIG-Ensino remitiulle esta cuarta feira, día 19, un escrito en nome de todas as organizacións sindicais á presidencia do máximo órgano de participación en educación para informar da decisión unánime de non asistir o pleno deste órgano.

No documento expoñen, entre outros motivos, que o CEG ficou absolutamente baleiro de contidos nos últimos anos “cumprindo unha simple función de revisión formal de decretos de titulacións de FP” e que durante o mandato deste goberno non se constituíron comisións de traballo para a elaboración de propostas, “nin sequera cando o Consello Escolar do Estado abriu a posibilidade de que os diferentes Consellos autonómicos fixasen a súa posición no debate sobre a reforma educativa”.

Ademais, engaden, os debates levados a cabo “son totalmente estériles” porque a Consellaría obvia “de forma sistémica o pouco que se aproba” no Consello. Os sindicatos tamén denuncian que o goberno da Xunta despreza tamén outros órganos de negociación, como é o caso da Mesa.

Por parte da CIG-Ensino este é o segundo "plante" que leva a cabo neste mes a un organismo no que está presente a Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa logo de decidir non acudir ao Consello Galego de Formación Profesional ante a falta de información aos centros educativos e negociación previa da oferta formativa de FP para o vindeiro curso 2019/2020.