Os sindicatos levarán as protestas contra o plan de inicio do curso á investidura de Feixoo

STEG, CIG, CCOO e CSIF chaman o persoal educativo a "asumir o protagonismo" contra o protocolo da Xunta (Arxina).
As mobilizacións do profesorado contra a planificación do Goberno galego para o inicio do curso chegarán esta semana ás portas do Parlamento, coincidindo co segunda xornada da sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta, segundo avanzaron esta segunda feira CIG, CCOO, STEG e CSIF

Son os catro sindicatos do ensino que promoven as mobilizacións en favor dunha volta ás aulas "presencial e con seguridade" e contra un protocolo "temerario e irresponsábel", que teñen xa fixadas dúas convocatorias de folga, o 10 e o 16 de setembro, nas xornadas de reapertura do curso académico nas etapas de Infantil e Primaria e, unha semana máis tarde, de Secundaria, Bacharelato e FP.

Como primeira parada, as catro organizacións sindicais chaman o persoal docente e o conxunto da comunidade escolar a secundar a protesta no Hórreo, esta quinta feira ás 18 horas.

Alí está previsto repartir entre os grupos parlamentares o manifesto que onte fixeron público, baixo o epígrafe Escola Contra Covid, co que argumentar o rexeitamento ao plan da Xunta, que xa foi obxecto de mobilización social o pasado mes de xullo, sen que os cambios introducidos desde entón, após a conferencia interterritorial educativa e sanitaria da semana pasada, resulten, aos seus ollos, suficientes.

O que reclama a representación do profesorado é un novo protocolo, negociado co persoal, os centros e as familias, que responda ás principais demandas destes colectivos, como son a redución de alumnado por aula e o aumento dos cadros de persoal, para rebaixar a ratio a 15 ou, como máximo, 20 estudantes por unidade. 

Segundo resumiu Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino, o curso "non pode empezar con normalidade" coas actuais prescricións da Consellaría de Educación, á que se lle exixe que garanta unha distancia interpersoal na aula "igual ou superior a 1,5 metros en todas as direccións", como pauta o acordo co Ministerio de Educación. Nese sentido, o reforzo de persoal resulta, para as forzas convocantes, "necesario para a correcta e segura atención".

"Non podemos pasar dun curso marcado polo confinamento físico a outro lastrado polo confinamento pedagóxico", salienta tamén o manifesto, para demandar que as normas de prevención sanitaria respondan a un modelo educativo "aberto e participativo, fóra de rixideces e condicións que desnaturalizan e fan perder todo o sentido a décadas de innovación pedagóxica". No texto tamén se demandan medidas para garantir a atención á diversidade.

Os sindicatos apuntan ademais á necesidade de dotar os centros con persoal sanitario de referencia e de reforzar os equipos de limpeza e urxen unha avaliación de riscos sanitarios adaptada a cada centro, realizada polo servizo de prevención e non, como fixa o protocolo, por docentes.

Para reivindicar medidas para unha docencia presencial segura, os catro sindicatos chaman o profesorado a iniciar desde o primeiro día do curso unha concentración diaria en todos os centros coa que amosar o rexeitamento á política da Xunta de volta ás aulas a "custo cero".