Sete sindicatos exixen a dimisión da directiva da área sanitaria Pontevedra-O Salnés

Imaxe de arquivo dunha protesta de persoal investigador en Vigo. (Foto: Europa Press)
A representación do cadro de persoal critica o "nesgo informativo" e a falta de "información" por parte da Xerencia. Ademais, aseguran que falta persoal e medidas de seguridade fronte á pandemia.

As centrais sindicais que están representadas na Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra, é dicir, CIG, UXT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE, concentráronse esta quinta feira ante a entrada principal do centro para exixir á directiva da área sanitaria Pontevedra-O Salnés que dimita.

A representación do cadro de persoal, que está a pedir cambios na Xerencia, a Dirección Asistencial, de Recursos Humanos, de Enfermaría e de Xestión, xustifica este movemento pola “falta de información e o nesgo informativo” ante a situación sanitaria actual.

Os sete sindicatos entenden que as e os empregados tampouco teñen as medidas de protección suficientes contra o virus nin recursos humanos de todas as categorías profesionais que permitan dar resposta ás necesidades.

Entenden que “a xestión actual non está a ser a máis axeitada” e para demostralo aluden á “falta de protocolos adaptados a servizos e centros de saúde”.

Porén, o persoal si amosou a súa “prudencia e responsabilidade” ao non saír a manifestarse.

Só se citaron un representante por cada sindicato “co fin de minimizar os riscos que implica esta pandemia”.

Os sete sindicatos, que non contaron co apoio doutras tres centrais representadas no comité, advirten de que seguirán coas presións para que se produza un cambio.