Sindicatos auguran unha campaña de incendios de verán “complicada”

[Imaxe: @BrifLaza. Brigadistas no incendio de Cuadraledo]

Consideran que a Xunta deriva as súas responsabilidades neste ámbito cara empresas privadas e outras administracións.

Vai ser unha campaña de incendios “complicada”. Quen así o augura son os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT, que lembra que este ano cúmprese unha década daquel 2006 “no que os incendios arrasaron os montes galegos” e lamentan que pouco se adiantase desde entón. “No lugar de profesionalizar o dispositivo único e público, volven atoparse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas, Protección Civil, militares, Bombeiros profesionais, etc..., todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios forestais. Todo este abano con diferentes medios fan pensar que a Xunta de Galicia está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e outras administracións públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME”.

Os sindicatos indican que os axentes medioambientais advirten que as condicións climatolóxicas adversas, “vento forte do nordés e previsións de bo tempo fan que en pleno mes de maio se produzan incendios coma os acontecidos neste fin de semana pasado”. Uns incendios que, sinalan, amosan a “alta actividade incendiaria que se ben dando asociada ao bo tempo”. Por iso pídenlle ao goberno galego que se aumente o número de efectivos para poder afrontar unha previsible campaña complicada, “unha volta cara a un modelo público e profesional de extinción, así como unha suficiente e operativa dotación de medios”.