Sindicatos e asociacións critican a xestión do Sergas para este período vacacional
Varios colectivos, entre eles sindicatos e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), mostráronse esta terza feira moi críticos coa planificación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de fronte ao verán, cando se agarda que medre a falta de persoal polas vacacións.
Desde o sindicato maioritario, a CIG-Saúde, centran as súas críticas no plan de verán aprobado antonte no Consello de la Xunta. A central nacionalista cuestiona que se repitan as propostas do ano anterior porque a estratexia "debería ir máis aló da repetición" dunhas que "demostraron non solucionar os problemas de falta de cobertura asistencial" que ocorre, especialmente, en zonas de costa.
Ao seu xuízo, as medidas perpetúan "a estratexia de facer máis con menos" e repetilas supón "normalizar" algo que se presentou "como excepcional".
Segundo datos de CCOO, o feche de camas previsto nos hospitais suporá que "2.364 persoas quedarán sen ingresar" entre xuño e setembro. A través dun comunicado, a secretaria de Organización deste sindicato, María José Diéguez, asegura que esta medida "non é unha cuestión técnica nin estacional", senón "unha decisión política que compromete a saúde da poboación".
Tamén a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) mostrouse moi crítica coa xestión do Sergas no verán. Mencionan o feche de, segundo os seus cálculos, 734 camas hospitalarias públicas, 10 % do total, a pesar da "dramática situación das listas de espera".
Ademais, censura que o Conselleiro confirmase que fecharía consultorios no verán por "non substituír ao persoal".
O Sergas "cre" no Plan
Desde o Sergas apuntan que 100% das camas hospitalarias estarán dispoñíbeis este verán "se así o require a demanda". Desta maneira respondeu ás críticas de sindicatos e asociacións pola súa xestión na tempada estival.
Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confía "sen ningunha dúbida" que o plan do Sergas para cubrir as vacantes no verán funcione porque é "practicamente o mesmo" que o do ano pasado.
PAC de Monforte
Por outra parte, a CIG-Saúde denunciou esta terza feira o "estado de abandono" en que se atopa p PAC de Monforte de Lemos. Indican que a porta de acceso principal está fechada desde novembro de 2024 despois de que se descubrira que a estrutura tiña risco decaer. Ademais, apuntan a unha "mala climatización".

