Sindicatos enfatizan que o profesorado ''está farto'' de (contra)reformas educativas

As centrais CIG, CC.OO., UGT, ANPA e STEG comparecen en conferencia de prensa para botar embaixo a idea trasladada pola consellaría de Educación ao redor do inicio do novo curso: máis crianzas e menos docentes non pode ser sinónimo de normalidade

A consellaría de Educación ofreceu nesta quinta feira unha boa metáfora do que foi a súa xestión co ensino público nos tres últimos anos. Entrementres voceir@s de catro centrais sindicais ofrecían unha conferencia de prensa conxunta para desmontar a imaxe de "normalidade" que Jesús Vázquez quixo trasladar co gallo do inicio do novo ano académico, un traballador pasaba a máquina de chapodar na herba.

"O profesorado está farto de reformas educativas. A Xunta xoga co ensino como arma arreboladiza, e non temos tempo de nos actualizar". Deixouno claro nesa conferencia de prensa Julio Díaz, voceiro da ANPE, lembrando que esta central sindical leva anos reclamando que se destine ao ensino entre o 6 e o 7% do PIB, mais o orzamento é "cada vez menor e centrado na concertada".

225 millóns ao ano para a privada-concertada
"Escollemos este emprazamento atípico --o enreixado da antiga entrada á consellaría de Educación-- porque aí detrás se concentran os responsábeis dos recortes", sinalou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, que acusou máis unha vez o PP de ser "unha fábrica de desempregados" e de apostar polas bondades do ensino privado-concertado en detrimento do público.

O dato: 225 millóns ao ano van parar a centros concertados, e 3 deses millóns repártense entre cinco colexios que separan as crianzas polo sexo, facendo da educación un negocio e empregándoa como vara para impor unha ideoloxía, a da Igrexa católica. Cómpre dicir que os recortes de profesorado non afectan á materia de Relixión, pois parece que o alumnado ten dereito a cursala: abonda cunha soa persoa que a reclame para que se habiliten aula e docente.

Un ''sobreesforzo'' para docentes e crianzas
Na valoración que Vázquez fixo do novo curso gabouse de que había máis alumnado matriculado, mais non explicou que na Galiza haberá 1.000 docentes menos para @s atender, 90 mil en todo o estado. No "sobreesforzo" que farán @s profesionais do ensino incidiu Machús Fernández, de CC.OO., quen explicou que "nos centros de primaria hai interinos que chegan ao mesmo tempo que o alumnado", impedindo deste xeito o traballo previo de planificación. Os datos desta central sindical rexistran 60 docentes de secundaria coas oposicións aprobadas "pendentes dunha substitución para empezaren a traballar".

A (contra)reforma educativa que prepara o goberno español retrotrae o sistema educativo "aos anos do franquismo", coa proba da reválida, engadiu Louzao, manifestando a súa sorpresa porque o conselleiro "afirma non ter datos" sobre o panorama educativo actual "mais cuestiona os que facilitamos nos sindicatos. Como non vai saber cantos profesores hai? Suponse que pagar haberá que lles pagar?", inquiriu o secretario nacional de CIG-Ensino.

De volta a tempos "predemocráticos"
Coa súa valoración cadrou Mercedes Alonso, de STEG, ao sinalar que as políticas do PP "lévannos a tempos predemocráticos". Recorreu ao informe Pisa para sinalar que "alí onde mellor vai a educación é onde a pública prima sobre a privada", e subliñou que máis crianzas e menos docentes se traduce en "menos calidade e menos atención".

Pola súa banda, Marcelino Brea, de UGT, situou os recortes no ensino público no marco da estratexia de "desmantelamento do estado social", e lembrou a mobilización desta cuarta feira en defensa da escola pública no rural como preámbulo doutras xa convocadas. A seguinte: o 17 de setembro a partir das 8.30h diante da consellaría de Educación, en San Caetano. Convoca a Plataforma galega en defensa do ensino público cadrando co inicio das aulas na secundaria.