Sindicatos denuncian que a área sanitaria de Pontevedra "maquilla" a taxa de profesionais infectadas

Profesionais sanitarias (Foto: Europa Press).

“Falta de empatía" ou "desprezo habitual" son algunhas das expresións que empregaron para definir a actitude da dirección actual e as precedentes cara as traballadoras, e instaron á xerencia a "reflexionar e a retomar o diálogo".

Os sindicatos  CESM,  Prosagap e Cobas acusaron á xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés de "maquillar" os datos oficiais sobre a taxa de profesionais sanitarios contaxiados por COVID-19 e lembraron “que non se someteu ás probas de detección a todo o persoal”.

Así se pronunciaron despois de que a xerencia denunciase unha campaña de desprestixio contra a xestión da pandemia realizada na área Sanitaria. Ademais, a dirección difundiu que 114 sanitarios do seu persoal deron un resultado positivo en COVID-19, o que supón 2,9% do total, e detallou que 60,2% dos empregados dos centros da zona foron sometidos a “algunha” proba de detección de coronavirus.

Ante esta situación, as centrais sindicais afirmaron que "o total de casos  COVID-19 positivos acumulados a data 7 de maio en toda a poboación da área, era de 858 ( PCR+), dos que 125 corresponden a profesionais sanitarios", o que supón que estes traballadores e traballadoras representan "14,56% dos infectados".

Así, denunciaron que analizar a taxa de contaxios en relación ao volume do traballadores dos centros sanitarios supón realizar "unha interpretación parcial e intencionadamente favorábel do estudo", dado que non se someteu a todo o persoal ás probas de detección da COVID-19. Tamén afirmaron que os test non se realizaron "no tempo e a forma" adecuados.

Pouco material de protección

Respecto ao material de protección facilitado, os sindicatos sinalaron que se entregaron 5.545 máscaras diarias en marzo e abril para os 3.942 profesionais da área Sanitaria, "o que dá un resultado de 1,4 máscaras por traballador e quenda".

A ese respecto, CESM,  Prosagap e Cobas lamentaron que a cifra de máscaras entregadas represente "menos da metade" do volume solicitado polo Comité de Seguridade e Saúde Laboral, e remarcaron que a normativa de Protección de Riscos Laborais "estabelece que son necesarias tres máscaras por traballador e quenda".

Nesta liña, os sindicatos afirmaron que os Equipos de Protección Individual (EPI) repartidos foron "insuficientes" e, nalgúns casos, de "mala calidade".

Así as cousas, CESM, Prosagap e Cobas reprobaron que a xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés dea prioridade a "vender a súa xestión" sobre a posta de material de protección ao dispor dos traballadores "para evitar o incremento de  contagios e a expansión do virus". “Falta de empatía" ou "desprezo habitual" son algunhas das expresións que empregaron para definir a actitude da dirección actual e as precedentes cara as traballadores, e instaron á xerencia a "reflexionar e a retomar o diálogo".