Os sindicatos retíranse da mesa sectorial do ensino en rexeitamento ao protocolo de Covid da Consellaría para o vindeiro curso

Anuncian unha rolda de prensa conxunta para esta sexta feira na que explicarán “a temeridade e a inviabilidade da proposta da Xunta”.

As centrais sindicais presentes na Mesa Sectorial de Educación abandonaron, nada máis comezar, a reunión para debater o Protocolo elaborado pola Consellaría para o vindeiro curso escolar por “levar á incerteza e ao desamparo ao persoal dos centros educativos e ao alumnado”.

A decisión, explica a central maioritaria, CIG, é consecuencia da negativa da Consellaría a retirar o documento e a abrir unha negociación que dea resposta ás demandas de presencialidade con seguridade que demanda o profesorado.

Critican estes sindicatos que a administración “tivese oculto nun caixón un documento, alleo á realidade das aulas e con contradicións ao respecto das recomendacións das autoridades sanitarias, para non alarmar á comunidade educativa antes da cita electoral do pasado domingo”. 

Ademais da desprotección e da posta en risco da seguridade e da saúde de alumnado e profesorado, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, rexeita as intencións da Consellaría de descargar toda a responsabilidade de elaboración de plans de adaptación por centros, compra e xestión do material de prevención, organización da vixilancia do cumprimento das medidas tanto na actividade lectiva como nas actividades complementarias ou desinfección do material empregado, entre outras tarefas, maiormente nos equipos directivos e no persoal docente e non docente sen incrementar o número de efectivos nin reducir as ratios de alumnado por aula.

Esta sexta feira está prevista unha rolda de prensa na que explicarán o rexeitamento a este protocolo.

As directrices do protocolo

Na aula. A distancia física mínima será de 1 metro e os pupitres estarán orientados no mesmo sentido. De non poder cumprirse, páutase o uso das máscaras. 

Recreo. A máscara será obrigatoria. Os centros designarán espazos para tratar de limitar os grupos a 50 persoas. Os horarios poderán reorganizarse.

Grupos de convivencia estábel. De até 25 menores de Infantil ou Primaria, onde se permita eludir a distancia. Co resto do alumnado gardarán 1,5 metros.

Prevención. O persoal docente e non docente realizará unha autoenquisa diaria de síntomas, e tamén o alumnado deberá facer cada día unha autoavaliación.

Brotes. A aparición dun único caso pode supor a corentena do grupo. Tres nunha semana poderán levar ao fechamento do centro completo e teledocencia.