Setembro: volta ás aulas sen reforzos

O protocolo da Xunta estabelece a posibilidade de dividir os horarios de entrada e saída para evitar aglomeracións (Europa Press)
Pasada a cita electoral, a Consellaría de Educación enviou á comunidade escolar a súa proposta de protocolo para unha volta ás aulas adaptada ao "contexto Covid-19" sen reforzos de persoal nin diminución do alumnado por aula. Os sindicatos avisan de que pedirán a súa reformulación. 

A sombra da Covid-19 marcará a volta ás aulas, mais a súa adaptación a unha "nova normalidade" que aínda é incerta non se acompañará de máis persoal nin de menos alumnado para favorecer a distancia social. 

A Consellaría de Educación ten convocada para hoxe unha mesa sectorial de ensino, na que analizará cos sindicatos a primeira versión do protocolo elaborado por este departamento, en coordinación coa Consellaría de Sanidade, para a reapertura de curso, un documento que fixa as distancias, os mecanismos e as prevencións que a comunidade escolar deberá adoptar para minimizar os riscos de rebrotes –e os mecanismos para enfrontar eventuais abrollos–, pero que non recolle as que eran algunhas das principais reivindicacións dos representantes da docencia xa durante o estado de alarma: redución de ratios para que haxa menos alumnado por aula e aumento do persoal para permitir o desdobramento das sesións lectivas, posibilitar a convivencia da educación presencial e virtual en caso de necesidade e reforzar limpeza e saúde.

O que a proposta si fai é fixar a distancia mínima dentro das aulas, dun metro, e apuntar alternativas no caso de non ser factíbel: retirada de mobiliario "non indispensábel", habilitación de espazos alternativos en lugares como laboratorios ou aulas de música ou, no último caso, obrigatoriedade do uso de máscaras durante o horario lectivo, como está previsto que sexa nos recreos e no resto de espazos comúns.  

Retirada do documento

"O protocolo está trazado desde unha perspectiva absolutamente economicista", sinala o secretario nacional de Ensino da CIG, Suso Bermello, que adianta que a súa organización pedirá hoxe a retirada do documento, por ditar "o contrario do que debería facer un Goberno nunha crise sanitaria, que é "minimizar, dentro das súas capacidades, os riscos de contaxio".

"O que se fai é evitar por todos os medios a contratación de profesorado e a baixada de ratios", censura, e pon como exemplo a proposta que se recolle para a etapa de Infantil e Primaria, onde a Consellaría abre a opción de formar "grupos de convivencia estábel" –"aulas burbulla"– cun máximo de 25 menores que poderán relacionarse sen distancia mínima, a cambio de non ter outras interaccións no centro. 

"É unha falacia, a Xunta úsaos –eses grupos– para manter as ratios. Pero a burbulla rompe no comedor escolar, xa que o persoal colaborador asistirá todas as quendas, e na docencia, porque non se contempla unha única quenda, e fóra, porque quen espera que non haxa contactos na saída do centro, no parque ou na casa?", pregúntase.

A valoración crítica sobre o protocolo compártena en UXT e CCOO, desde onde a súa secretaria xeral de ensino, Luz López, censura que a Consellaría pretenda organizar o curso a "custe cero" e fala de "despropósito" por unhas directrices que "chegan moi tarde e cargan outra vez con máis tarefas as direccións dos centros".

"É un protocolo inasumíbel, que non atende nin a realidade dos centros nin a do alumnado e que carga no profesorado funcións que non lle competen", concorda Paula Carreiro, responsábel desta área en UXT, sindicato que tamén ten previsto reclamar hoxe modificacións substanciais no texto, entendendo que a baixada de ratios e o aumento de profesorado "son fundamentais para poder levar a cabo a volta". 

Carreiro apela tamén á necesidade de reforzar os colexios e institutos con persoal sanitario, que asuma labores como a toma de temperatura e outras medidas sanitarias, persoal técnico educativo que colabore nos protocolos de mobilidade e control do  alumnado e tamén de limpeza, polas maiores necesidades que se xeran para controlar o virus. "O profesorado podemos formar en hixiene e limpeza as crianzas, podemos dicirlles que teñen que hixienizar, pero non podemos responsabilizarnos de que os espazos queden desinfectados para o seu uso por outras persoas", exemplifica.

Para a CIG, aínda é máis grave que a Xunta teña reculado á hora de conceder as exencións de presencialidade a profesionais en grupos de risco –persoas enfermas, embarazadas...–, que segundo o protocolo deberán incorporarse até obter un ditame en sentido contrario. 

As directrices do protocolo

 Na aula. A distancia física mínima será de 1 metro e os pupitres estarán orientados no mesmo sentido. De non poder cumprirse, páutase o uso das máscaras. 

Recreo. A máscara será obrigatoria. Os centros designarán espazos para tratar de limitar os grupos a 50 persoas. Os horarios poderán reorganizarse.

Grupos de convivencia estábel. De até 25 menores de Infantil ou Primaria, onde se permita eludir a distancia. Co resto do alumnado gardarán 1,5 metros.

Prevención. O persoal docente e non docente realizará unha autoenquisa diaria de síntomas, e tamén o alumnado deberá facer cada día unha autoavaliación.

Brotes. A aparición dun único caso pode supor a corentena do grupo. Tres nunha semana poderán levar ao fechamento do centro completo e teledocencia.