Chamados a declarar membros da CUT, CIG e STAJ

Sindicalistas da xustiza denuncian persecución e represión

Acampada dos funcionarios de xustiza durante a súa folga. Foto: cedida.

A Fiscalía de Pontevedra e o xulgado de Instrución número 1 da Coruña chamarán a declarar sindicalistas da CUT, CIG e STAJ que participaron na folga da administración de Xustiza entre febreiro e maio deste ano. As traballadoras denuncian “unha campa de persecución” contra as centrais “que non obedeceron á patronal”.
 

Os sindicalistas ofreceron esta quinta feira en Vigo unha comparecencia de prensa en que explicaron que o seu paso polos xulgados é “unha cuestión política para reprimir os que non obedeceron á Xunta”. A CUT, a CIG e STAJ foron as organizacións que se negaron a asinar o acordo co Goberno galego para poñer fin á folga que si refrendaron Comisións Obreiras, UGT, USO e CSIF.

 

O xulgado coruñés abriu dilixencias previas por coaccións e chama a declarar á delegada da CIG Consuelo Rodríguez e ao de Alternativas na Xustiza-CUT Javier Fernández. Os feitos teñen orixe nun piquete informativo que intentou falar coa secretaria de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Ela mesma presentou unha queixa ante o propio tribunal ao tempo que o xulgado de Instrución iniciaba as dilixencias mencionadas.

 

Outros tres sindicalistas, Josefina Iglesias e Pablo Valeiras da CUT e Enrique Araújo de STAJ, declarán chamados pola Fiscalía de Pontevedra a raíz dunha denuncia ante o Superior presentada por un delegado de USO. Acúsaos de presuntas coaccións o día da votación do acordo coa Xunta. Dito acordo foi rexeitado polos traballadores e traballadoras.

 

“Temos moi claro que isto é represión sindical”, afirmou Valeiras esta quinta feira, e lembrou a exemplaridade da súa folga, que durante dous meses mantivo un seguimento de máis do 80%. Os sindicatos represaliados advertiron ademais que estudan accións legais contra o Goberno de Feixóo polo que consideran unha persecución.

 

CUT, CIG e STAJ contaron co apoio de En Marea e o BNG.