Entregan máis de 2.300 sinaturas contra o parque eólico Vilartoxo

A asociación Vento Libre do Val do Dubra entregou máis de 2.300 sinaturas no Parlamento (Foto: Nós Diario).
A asociación Vento Libre entrega as sinaturas ao Parlamento da Galiza, a Xunta e o Concello do Val do Dubra, alegando que o proxecto de Capital Energy tería "consecuencias terríbeis para a veciñanza".

A asociación Vento Libre vén de entregar no Parlamento da Galiza un total de 2.322 sinaturas contra o parque eólico Vilartoxo, promovido por Green Capital Power nos termos municipais da Baña e o Val do Dubra.

"A proximidade ás casas, o perigo para o patrimonio natural e histórico, a perda de valor das propiedades e os enormes prexuízos para a calidade de vida da veciñanza son algunhas das razóns que a asociación de veciños Vento Libre de San Román, en Val do Dubra, alega para mostrar a súa oposición ao parque eólico de Vilartoxo", sinalan, nun comunicado de prensa.

O colectivo entregou tamén as sinaturas na sede do Concello do Val do Dubra e á Xunta da Galiza, para que teñan "constancia" do rexeitamento social a este proxecto eólico, que a veciñanza asinante considera unha "ameaza" para a zona.

"Ademais dos efectos directos que afectarán a veciñanza da parroquia de San Román, Vento Libre mostra a súa preocupación polo futuro do patrimonio histórico do territorio afectado polo parque, no que se atopan elementos de gran valor para formar parte do proxecto Compostela Rupestre, unha iniciativa na que suman forzas os concellos da comarca xunto coa Deputación da Coruña e que ten como obxecto inventariar, protexer e difundir a riqueza arqueolóxica do territorio", explican.

Segundo denuncian, o parque eólico de Vilartoxo "pon en perigo seis mámoas e o petróglifo do Gavís, recentemente descuberto, na que é a primeira estación de arte Atlántica do concello de Val do Dubra".

O de Vilartoxo, lembran, forma parte dun conxunto de seis parques proxectados polas empresas Green Capital Power e Green Capital Development, filiais ambas as dúas da multinacional Capital Energy, nas comarcas de Compostela, A Barcala e o Xallas.

Por outra parte, desde Vento Libre salientan que o plan se presenta "de forma fragmentada artificiosamente para facilitar a tramitación administrativa, mais supón un fondo impacto na zona". Estes proxectos, din, son incompatíbeis "cos usos forestais actuais, e paisaxísticos, poñen en perigo o patrimonio arqueolóxico da zona e implica unha ameaza para a economía das familias que dependen das explotacións forestais e agrogandeiras da área".