Sinalan o traslado de doentes da Mariña a Lugo como síntoma de "desmantelamento"

Protesta de doentes e persoal sanitario do Hospital da Mariña en defensa dunha sanidade de proximidade o pasado mes de maio. (Foto: Nós Diario)

Desde primeiros de ano a CIG-Saúde vén alertando da "demoledora situación" do servizo de Medicina Interna do Hospital da Mariña, unha unidade esencial cuxa capacidade se vira entón "reducida á metade" con só cinco facultativos dos 10 asignados a este centro comarcal. A Xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos saíra ao paso acusando o sindicato de "faltar á verdade". Daquela elevou a oito o persoal médico especialista e achacou as ausencias ao concurso de traslados.

Nos primeiros días de 2025, o organización nacionalista advertía dunhas "carencias" que estaban a provocar a derivación de pacientes ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), unha práctica da que volveu informar na primavera e que agora no verán se mantén, di, tras o feche da planta de Medicina Interna –38 camas– durante os meses de xullo, agosto e setembro.

A CIG-Saúde denuncia que "habendo camas libres" no hospital de Burela, estanse a derivar ao HULA "por orde da Dirección e contra a vontade do persoal facultativo e contra a vontade das usuarias e dos usuarios" pacientes que requiren un ingreso ao coidado de Medicina Interna. Segundo censura nun comunicado, esta decisión é resultado da "incapacidade" do equipo directivo do Hospital da Mariña para dotar o centro do persoal necesario para asumir as necesidades sanitarias da comarca.

Medicina Interna é o servizo que máis doentes atende dentro das especialidades médicas, cunha carga asistencial e estancia media das doentes que vai en aumento, xa que atinxe numerosas patoloxías: hepáticas, infecciosas e autoinmunes, ademais de enfermos crónicos, con varias doenzas e poboación maior que precisa medicación variada e específica.

A central sindical cualifica de "pésima planificación" o feche da planta de Medicina Interna e cuestiona que "tendo camas baleiras o hospital da Mariña", se acorde o traslado de pacientes "a máis de 100 quilómetros, arrastrando con eles as súas familias".

Decisión "clínica e puntual"

Desde a xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte confirman "o recente traslado de varios pacientes dende o Hospital Público da Mariña ao HULA", mais aseguran que "responde unicamente a criterios clínicos ou organizativos, coa finalidade de garantir en todo momento a mellor atención para cada persoa".

A xerencia fala de traslados "puntuais" e consentidos, en concreto dun grupo de catro doentes a pasada segunda feira motivado polo "período estival no que a maioría dos profesionais collen o seu lexítimo descanso e pola falta de dispoñibilidade de substitutos nas listas de contratación", especialmente de enfermaría. "É irresponsable falar de 'desmantelamento' cando se garante a atención sanitaria en todo momento", conclúe a xerencia, tras xustificar, tamén, o traslado grupal dos catros enfermos nunha mesma ambulancia, "posíbel porque o seu estado de saúde o permitía e co único obxectivo de axilizar os tempos".

Para a CIG-Saúde esta decisión é unha mostra de que as autoridades sanitarias antepoñen a "evacuación" á "calidade asistencial". "A boa aparencia das fachadas agocha un hospital desmantelado pola falta de persoal" e incapaz de garantir unha sanidade "equitativa e de proximidade".

"Están baleirar todo o sistema sanitario da Mariña"

Para a Plataforma Sanitaria da Mariña este novo episodio de derivacións de pacientes da Mariña ao HULA "é o último acto do desmantelamento final" do hospital comarcal. "As peores previsións estanse a cumprir", afirma a Nós Diario a voceira Montse Porteiro, quen tamén pon o foco na Atención Primaria, "con centros baleiros de persoal médico e de enfermaría". "Non se explica que o xestionen tan mal, salvo que sexa intencionado", sentencia.