Silvia Casal: "Que non se engane ninguén, o que me pasou a min pode pasarlle a calquera"

[Imaxe cedida por Leandro Lamas]
Tal día como hoxe hai un mes almorzabamos coa nova de máis tres detencións en Narón vinculadas ao independentismo: Silvia Casal, Júlio Saians e a súa crianza, un neno de 8 meses aínda lactante. Recuperamos esta entrevista publicada no noso semanario nº23, unha conversa que mantivemos con Silvia horas despois de que ficase en liberdade e sen cargos após ser condenada xa pola prensa


Profesora de teatro, actriz, activista cultural e pola lingua, a Silvia Casal prendérona, canda o seu compañeiro e a súa crianza de 8 meses, e incomunicárona "por pensar diferente". En liberdade e sen cargos, fala con serenidade e firmeza. Porén, non é quen de agochar a raiba: "veñen tempos escuros. Haberá que mercar candeas" 

Quen é Silvia Casal?

(sorrí) Silvia Casal son eu. Unha muller que desde hai moitísimos anos está involucrada co movemento teatral aquí en Narón, forma parte dunha asociación de teatro, actúo, dou aulas para crianzas, mocidade e para persoas maiores... a iso me dedico. Fago parte dun grupo de montaña e sempre estiven moi implicada en movementos culturais, pola defensa da lingua e feminista. Fago parte das Mulleres nacionalistas galegas.

Desde que son mamá tamén entrei en contacto co mundo da lactancia natural e de cousas que nos afectan ás mulleres e que defendemos desde o feminismo mais nas que non nos mergullamos até que non vivimos o proceso da maternidade. En consecuencia, non tomamos consciencia na discriminación que sufrimos tamén neste ámbito.

Muller, nai e activista feminista. Que lectura fai da actuación policial con vostede e coa súa crianza?

Foi unha impotencia... horríbel! Negáronnos todos os dereitos, todos os que pode ter un menor. E negáronnolos sabendo que todo iso era unha parodia. Foi o neno quen viviu as consecuencias desta mentira porque é lactante, só toma o peito. Non sabe comer, choraba seguido. Eu só pensaba nel. Mais isto non é o peor! A machistada maior foi cando non mo deixaron ter comigo, ameazáronme con que viñan os Servizos Sociais e leváronme a Madrid. Todo para presionar ao meu compañeiro. Que estamos, no franquismo? Nos llevamos a tu mujer y a tu hijo para ver si así cantas algo? E non sei nin que é o que querían que cantaramos.

"Negáronnos todos os dereitos, todos os que pode ter un menor. E negáronnolos sabendo que todo iso era unha parodia" 

Como lembra o 29 de outubro?

Estabamos na cama. Eu acababa de volver do meu traballo e Júlio quedara a coidar do seu fillo. Ouvimos golpes na porta. Cando xa nos pareceron excesivos erguémonos. Pensamos que lle pasara algo a algún veciño e, ao abrir, xa vimos que era a policía e xa nos dixeron 'Silvia María Casal Sabín y Julio Sayáns quedan detenidos bajo la ley antiterrorista'. Metéronnos a cada un nun cuarto e non nos volvemos ver. Non sabiamos nada! Nin de que nos acusaban, nin que ía pasar con nós.

"Unha persoa á que non lle deixan falar co seu avogado, que apartan do seu fillo lactante e á que levan da súa terra... iso para min é un secuestro 

Un interrogatorio que durou o camiño entre Galiza e Madrid, e 36 horas incomunicada. Dixeron os avogados que non houbera malos tratos...

(sorrí) Unha persoa á que non lle deixan falar co seu avogado, que apartan do seu fillo lactante e á que levan da súa terra... iso para min é un secuestro, entendes? E é un maltrato, psicolóxico. Efectivamente, maltrato físico non houbo en ningún momento.

A min até me quitaron as esposas, ofrecíanme de beber e dicíanme que ficase tranquila. Mais estas imaxino que son as formas que empregan para quitar algo de nós porque como ía estar tranquila se o meu fillo de oito meses non estaba comigo? Se me transladaron nun coche pequeno con outras catro persoas dentro, coséndome a preguntas... e cada vez a máis horas e a máis quilómetros do meu fillo? E todo isto sabendo que son inocente, porque ao saír da casa mandáronme coller cartos para volver de Madrid.

"Funciona tan ben iso da manipulación na prensa que aínda quen te quere e confía en ti queda un pouco coa dúbida, e din 'iso pásache pola maneira que tedes de pensar'. Mais por pensar non vai ninguén ao cárcere... ou si?"

En liberdade e sen cargos. Como lle senta o xuízo mediático ao que ficou sometida?

(ri) Contáronme que a información da detención a ilustraban cunha pota bomba, cunha imaxe dunha grúa levando un carro, que falaban de resistencia á policía... nós non nos resistimos en ningún momento, ese carro non é noso e esas fotos non teñen nada a ver connosco. É unha manipulación brutal. Xa non quixen saber máis nada. Aínda non estou preparada para enfrontarme con iso.

Suponse que estás preparada para todo o que che vén enriba, mais cando ves que familiares e amizades pelean coa súa contorna para te defender, porque te coñecen e te queren, entón invádete a raiba, a frustración. Sobre todo porque funciona tan ben iso da manipulación na prensa que aínda quen te quere e confía en ti queda un pouco coa dúbida, e din 'iso pásache pola maneira que tedes vós de pensar'. Mais por pensar non vai ninguén ao cárcere... ou si?

Ten a impresión de que lle pode tocar a calquera?

Totalmente! A nós non nos prenderon por ter feito algo, só porque defendemos causas que a eles lles molestan. A policía non deixaba de me repetir que 'se te va a acabar el teatrito', que os meus pais ían estar destrozados porque vivimos nun barrio pequeno e que os ían sinalar como 'los padres de la terrorista'. Intentaron que sentise vergoña de ser quen son, de pensar como penso e de facer o que fago. O que queren é anularte, que baixes a cabeza, quitarche a túa dignidade.

"Intentaron que sentise vergoña de ser quen son, de pensar como penso e de facer o que fago. O que queren é anularte, que baixes a cabeza, quitarche a túa dignidade"

Que pasa? Que Júlio e máis eu somos persoas moi coñecidas na contorna. A resposta social foi moi forte. Estou incorporada ao meu traballo e intentando volver á normalidade, á espera de que solten o meu compañeiro. Mais a impunidade coa que actúan é tal que outra persoa con menos apoio social pode desaparecer e ninguén se entera das circunstancias reais, porque a lectura que faría a prensa sería a de que lle estivo ben por pensar como pensa. É... para ter medo.

Como está a vivir todo isto o seu compañeiro?

Júlio está a agardar. É inocente e como tal quedará tamén en liberdade. El é máis frío, máis duro e máis consciente de que este mundo é como é, que as inxustizas existen. Eu son moito máis visceral. Encaixei peor o golpe.

Viu en si propia un reflexo do que acontecera xa con outras mulleres independentistas detidas?

Si. Préndennos para presionar os nosos compañeiros. E poden facelo! Iso é o lamentábel, a impunidade. Poden facer o que lles dea a gana. E non te decatas até que o vives en carne propia. Para eles deixas de ser unha persoa, coas túas emocións, os teus vínculos sociais. Estás totalmente indefensa e baixo unha lei que anula todos os teus dereitos como persoa. To-dos. Mantéñente illada nun sitio onde non sabes se é de día se é de noite ou que hora é... non falas con ninguén...

(Ergue a voz) E aínda por riba, grazas aos medios de comunicación, a xente pensa que actúan así para nos protexer! É ao contrario! Ao apoiar este tipo de actuacións o que facemos é xerar máis indefensión. Pódelle tocar a calquera! Que ninguén se equivoque, eh? É moi importante ter isto ben claro.

Ti podes empatizar cunha persoa que tamén foi secuestrada, pensar que ten que ser terríbel o que está vivir, mais agora póñenseme os pelos de punta (Volve erguer a voz) Póñenseme os pelos de punta pensando que o meu compañeiro segue no cárcere, e na cantidade de persoas inocentes que están aí dentro, que foron acribilladas nun xuízo mediático que os dá como culpábeis cando levan un ano privados de liberdade e sen seren xulgados, como María Osorio, como Antom Santos.

"Terroristas son os que me secuestraron a min. Non lle fixen dano a ninguén, queda claro? O único que quero é defender a miña terra"

Que lle diría a quen colocou a carón do seu nome palabras como 'terrorista' ou 'Resistencia Galega'?

Primeiro, que se informen ben. Segundo, que me expliquen a min que é Resistencia Galega, porque eu non sei nin se existe. Terceiro, que sexan profesionais, que non abonda con ter unha carreira e hai moito sensacionalismo.

Cuarto, que terroristas son os que me secuestraron a min. Eu non lle fixen dano a ninguén, queda claro? O único que quero é defender o meu país, a miña terra. E se por iso son unha terrorista vai haber que revisar o significado desa palabra.

Cando o xuíz lle preguntou 'sabe por que está aquí?' respostou 'agora si'. Por que estaba alí?

Porque queren asustarnos, meterlles medo a todas as persoas que teñamos vinculación cos movementos sociais, coa loita independentista, co sindicalismo combativo, co nacionalismo... coas que facemos algunha caste de traballo pola nosa terra. Foi máis un toque de atención: ímoslles parar os pés para que vexan que se vós entrades pode entrar calquera. É a única lectura que podo facer: que queren meternos medo aos que pensamos diferente.