Silencio da Xunta ante os requerimentos da Valedora de información sobre maos tratos en centros de menores

"A Consellería de Política Social persiste na súa actitude de non enviar a información requerida”. Foi a contestación da Valedora do Pobo á queixa  de Esculca sobre o  Centro de Menores Fogar San José Vigo.

A finais do pasado mes de outubro saían á luz as declaracións de varios menores que narraban as situacións de crueldade e violencia física e verbal continuada por parte das relixiosas e os educadores do centro San José de Vigo, xestionado polas Irmás da Caridade, e concertado coa Xunta. A raíz diso, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca presentaba a finais de outubro unha queixa ante a Valedora do Pobo demandando información sobre o actuado en relación aos “graves feitos denunciados” ao tempo que reclamaba “medidas urxentes que evitasen a repetición deses feitos”.

Nun novo escrito, en decembro, Esculca, “coñecedora de medidas de represalia tomadas contra menores que denunciaran a situación do Centro”, -reclamaba a adopción de máis medidas urxentes no marco dunha batería de propostas, como unha investigación a fondo ou ben manter entrevistas cos menores do centro afectados polos feitos.  “Ignoramos se a Valedora do Pobo emprendeu algunha destas dilixencias”, afirma Esculca,  que si leafirma que a Valedora indica que á vista do silencio da Consellería de Política Social "vímonos obrigados a recordar de novo á citada consellería o seu deber de colaborar ao rápido esclarecemento da situación que nos expón na súa queixa (art. 26.1 da Lei do Valedor do Pobo). No caso de persistir esta actitude procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais".

Crueldade

Menores do Fogar San José de Vigo descreberon nunha sesión pericial cun psicólogo situacións de crueldade e violencia física e verbal continuada. A información, unha exclusiva de 'Público', relata a testemuña de varios menores. Un vídeo gravado no interior do centro amosa o 'cuarto do saco', un soto sen luz onde se castiga aos menores.

"Cando eu tiña seis ou sete anos había un neno chamado A., era activo, inquieto... Era un neno normal. Non o facía aposta. E recordo que máis dunha vez Sor collía unha corda de saltar e atábao á cadeira. E A. non sei que dicía e Sor dicíalle `Cala!'. E A. non calaba. E para que calase, púñalle o trapo na boca. E estaba así, co trapo na boca e atado á cadeira". Este é un dos testemuños que recolle Público, mais non o único. "Á miña irmá ás veces téñena atada porque non para cos pés. Atada á cadeira", subliña C. no vídeo. E., outra moza de 16 anos, asente coa cabeza: "Si, á cadeira".