Denuncian agresións físicas en centros de menores concertado coa Xunta

Menores do Fogar San José de Vigo descreberon nunha sesión pericial cun psicólogo situacións de crueldade e violencia física e verbalcontinuada por parte das relixiosas e os educadores do centro, xestionado polas Irmás da Caridade. A información, unha exclusiva de 'Público', relata a testemuña de varios menores. Un vídeo gravado no interior do centro amosa o 'cuarto do saco', un soto sen luz onde se castiga aos menores.

"Cando eu tiña seis ou sete anos había un neno chamado A., era activo, inquieto... Era un neno normal. Non o facía aposta. E recordo que máis dunha vez Sor collía unha corda de saltar e atábao á cadeira. E A. non sei que dicía e Sor dicíalle `Cala!'. E A. non calaba. E para que calase, púñalle o trapo na boca. E estaba así, co trapo na boca e atado á cadeira". Este é un dos testemuños que recolle Público, mais non o único. "Á miña irmá ás veces téñena atada porque non para cos pés. Atada á cadeira", subliña C. no vídeo. E., outra moza de 16 anos, asente coa cabeza: "Si, á cadeira".

A directora do centro, María Ángeles Oviedo,dixo non ter constancia dos feitos, remítese á Xunta para calquera esclarecemento e asegura que non ten "nada que confirmar nin nada que desmentir". Non dá oportunidade ao xornalista de Público para preguntarlle se, como conta Samuel, outro dos menores, no centro proporciónanse fármacos aos críos sen orde médica que o xustifique.

A Consellería de Política Social de la Xunta admitiu que hai uns días recibiu o vídeo coa sesión pericial co psicólogo que activou o protocolo definido para estes casos: remitilo á Fiscalía de Menores e abrir unha investigación interna que inclúe unha visita sorpresa ao centro.