Sexualidade e filosofía na XXXII Semana da Aula Castelao

Pontevedra acollerá do 6 ao 10 de abril máis unha Semana galega de filosofía.

 

- Disque agora os casados poden descasarse
- Tamén din que vai vir o amor libre obligatorio

Esta conversa, entre dúas mulleres, protagonizou un dos cadriños de Castelao. Desde a Aula de Filosofía que leva tamén o nome do rianxeiro elixiron non só o debuxo senón tamén a temática que este trata como fío condutor da XXXII Semana Galega de Filosofía que terá lugar dos días 6 a 10 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. 

Baixo o título 'Filosofía e sexualidade' desde a Aula Castelao queren "procurar colectiva e publicamente as ferramentas teóricas, conceptos e teorías que nos permitan" non só explicar e entender a sexualidade senón "desvelar mecanismos de opresión e imaxinar dinámicas de liberación ou emancipación individuais e colectivas", sinalou Eva Mouriño na presentación do programa da semana. 

Neste senso, ao igual que o cadriño de Castelao, desde a Aula de filosofía parten da premisa de que a sexualidade, lonxe de ser algo persoal ou privado, pertencente ao espazo íntimo, manténse fortemente influída polo "estado, as institucións, algo supra-individual. Razón pola que o extenso programa contará coa presenza de persoas que, coas súas voces, poñan de relevo "a realidade de territorios da sexualidade históricamente estigmatizados,
excluídos ou marxinalizados como sucede coas identidades defendidas polos colectivos LGBT, coa prostitución, etc.". 

Programación

Ao igual que nas ocasións anteriores a Semana galega de filosofía xirará arredor de tres eixos que se corresponderán coas sesións de mañá, tarde e noite. Pola mesa de relatores e relatoras pasarán importantes nomes como Laura Bugalho --activista e sindicalista, Efigenio Amenzúa --editor da Revista española de Sexoloxía, María Victoria Carrera --profesora da Universidade de Vigo e colaboradora de Sermos Galiza, Dolores Juliano ou Román Gubern, entre outras moitas persoas. 

As temáticas que se abordarán xirarán arredor da sexualidade, a pornografía e a prostitución, entre outros asuntos. Podes consultar o programa completo e a disposición dos días premendo na seguinte ligazón.