A comarca de Verín ve con "esperanza" a chegada da nova xerente hospitalaria

Guillermina Agulla reunida con profesionais e sindicatos (CHUO).
A comarca de Verín comeza a ver máis perto a recuperación dos servizos médicos suprimidos no hospital comarcal o pasado mes de decembro.

O anuncio do peche da sala de partos e das urxencias pediátricas fixérase público por sorpresa. O baixo número de nacementos e, en consecuencia, a falta de pericia profesional e de seguridade para as xestantes, foron as primeiras razóns que presentou a xerencia da área sanitaria para acabar con esa asistencia tras a xubilación do último pediatra.

Estes argumentos, ademais da perda inmediata de servizos, mobilizaron a comarca desde o primeiro día, e van 43 de peche indefinido no hospital comarcal. "E aquí seguiremos", confirman a Nós Diario representantes das traballadoras máis da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei.

Após o nomeamento de Guillermina Agulla como nova xerente do distrito sanitario e de confirmaren a súa intención de reabrir a sala de partos, unhas e outras acordaron permanecer no hospital até que o anuncio sexa firme e a asistencia se consolide de novo. Nese momento, coinciden, as demandas cidadás seguirán, "co fin de que se repoñan outros servizos desmantelados durante os últimos anos", explica Eva Fernández, portavoz da comisión delegada do hospital comarcal.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.