O servizo de paliativos da Mariña, de novo en mínimos: "Síntome abandonada"

Chus Sanjurjo xunto a súa nai, Teresa Moscoso. (Foto: Nós Diario)
Teresa Moscoso ten 70 anos. Non camiña, non fala e tampouco traga. Vive en Foz, non moi lonxe do hospital da Mariña, en Burela, que non conta, coma outros centros, cunha unidade de ELA.

A situación sanitaria na Mariña non mellora para moitas pacientes que necesitan "unha atención especializada e urxente que non temos". Chus Sanjurjo Moscoso denuncia a Nós Diario o caso de súa nai. Despois de moitos anos enferma, en outubro de 2024 diagnosticáronlle ELA bulbar, unha variante de esclerose lateral amiotrófica. A doenza, xa nunha fase moi avanzada, empeorou en poucos meses a saúde e calidade de vida da muller. "O problema xa non é que non nos citen os especialistas que deberan facerlle seguimento ou que nos citen por teléfono, como agora o pneumólogo, o problema é que non a veñen ver á casa de forma regular".

Tras un ingreso hospitalario a finais do ano pasado, a nai de Chus recibiu na súa casa os coidados do servizo de hospitalización a domicilio (HADO). "Foi durante uns poucos días. Cando viron que recuperaba déronlle a alta e desde entón está en coidados paliativos".

Teresa Moscoso ten 70 anos. Non camiña, non fala e tampouco traga. Vive en Foz, non moi lonxe do hospital da Mariña, en Burela, que non conta, coma outros centros, cunha unidade de ELA. No canto, di Chus, tampouco ten o seguimento dun equipo de especialistas ben coordinado desde o hospital polo que "considero que debera ter unha atención continuada e que o médico de paliativos, que só está tres días á semana, ou a enfermeira, viñesen vela, xa non digo todos os días, nin todas as semanas, pero si cada 10 ou 15 días". O servizo redúcese a unha chamada telefónica cada tres semanas "que non chega para todas as complicacións que ela ten".

Sen persoal médico

Ante calquera "problema gordo" como pode ser unha infección de urina, "eu pido que veñan, pero tardan días e miña nai non pode esperar, así que chamo a ambulancia e imos por urxencias, con todas as molestias que supón e contribuíndo a colapsar un servizo xa saturado, porque a atención primaria non funciona".

Desde a plataforma sanitaria da Mariña, a súa voceira, Montse Porteiro, confirma a este xornal que os servizos de HADO e coidados paliativos contan na actualidade con cadanseu equipo, o primeiro cun único facultativo e o segundo "sen persoal médico". "Estano cubrindo quen ten quenda de tarde e vai de mañá, quen sae de garda ou ten o día libre, polo que agosto será un mes complicado". Estas limitacións, ademais, obrigan a reducir os desprazamentos "a un radio de 20 minutos", o que deixa moitos concellos da comarca sen asistencia, como xa denunciaran en 2022.

Chus Sanjurjo non culpa o persoal médico. "Entendo que non veñen porque non poden,  porque non son suficientes, pero o certo é que non están dando a atención que este tipo de persoas enfermas require. Eu síntome abandonada".