O Servizo de Atención ao Fogar tapou o baleiro doutras prestacións na pandemia

No mes de novembro a Xunta puxo fin ao servizo de atención ao fogar de emerxencia, asumido nalgúns casos polos concellos. (Foto: Nós Diario)
Algúns concellos acusan o seu desgaste humano e económico co incremento das demandas de axuda.

As Administracións locais son as máis próximas á cidadanía, polo que a pegada da Covid-19 foi máis forte na súa actividade diaria. Desde o inicio do confinamento, o persoal co Concello, nomeadamente os servizos sociais, mais tamén outros, afanouse en cubrir as necesidades máis básicas. Un dos máis demandados, de acordo cun informe da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) publicado na fin de semana, foi o Servizo de Atención ao Fogar (SAF). 

Novas altas 

Co fechamento dos centros de día, as Administracións locais rexistraron un incremento de demandantes deste servizo. Dos 17.317 novos usuarios dos servizos sociais locais na primeira onda da pandemia que recolle o informe, 40% corresponde a solicitantes de axuda a domicilio. Entre as súas prestacións, inclúe labores de limpeza, preparación de comida, cambios posturais ou control da medicación. 

A natureza do SAF, cando menos no papel, inclúe posibilitar a permanencia das persoas na contorna, favorecer a súa autonomía, previr situacións de exclusión social ou retardar a institucionalización. Na pandemia, como recolle a Fegamp, transformouse na muleta que sostivo as persoas que ficaron sen o soporte dun centro de día ou aquelas cuxo traslado a unha residencia foi aprazado por razóns de seguridade. 

Se ben houbo persoas usuarias que se deron de baixa, sexa por medo a un contaxio ou pola posibilidade, debido á paralización de parte da actividade laboral, de seren atendidas por persoas achegadas, o balance deixou un incremento de 10% de media na demanda. Dos seis millóns de euros de investimento extra das arcas municipais en servizos sociais básicos, 60% foron destinados ao SAF. 

En abril a Xunta anunciou un fondo extraordinario de seis millóns de euros para ampliar as horas de SAF. De competencia local, os municipios achegan 87,4% dos fondos destes servizos fronte a 8,6% da Administración galega. A medida non foi consultada cos concellos que debían aplicala.

Entre as novas altas excepcionais da Covid-19 incluíronse as de carácter urxente con 48 horas para ser postas en marcha. No mes de novembro, cando a Administración galega puxo fin a estas altas de emerxencia algunhas foron absorbidas polos municipios cando as e os usuarios cumprían os requisitos, sufragados polos seus propios fondos co apoio das achegas das Deputacións. 

Desde os concellos acusan un "importante desgaste tanto económico, material e humano   pola   asunción   de   novas   demandas, novas funcións e o mantemento dos servizos  básicos habituais" e "sobrecarga administrativa". 

Falta de medios e mans 

Violeta Vázquez Barreiro, traballadora social e integrante do grupo de traballo SAF do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza (Cotsg), após a publicación dun informe en novembro no que debullan como foi manter o servizo nos primeiros meses da pandemia, explica que "o primeiro problema foi a falta de equipos de protección individual, de máscaras para as auxiliares de axuda no fogar". 

"Para adxudicar as novas altas as empresas que xestionan este servizo (moitas veces externalizado) tiveron que facer malabares. Mesmo a día de hoxe hai problemas para cubrir as profesionais que teñen unha baixa por contacto cunha persoa positiva da Covid ou que enferman", afirma, matizando que esta problemática xa era previa á pandemia. 

"Desde Inspección de Servizos Sociais insistían en non suspender os servizos pero non daban  indicacións sobre como actuar. Cando houbo casos positivos e non contaban con material para o persoal facíase fincapé en prestar servizo", recolle o documento do Cotsg, incidindo en que cubrir a persoas dependentes á espera dun ingreso nunha residencia cun servizo SAF foi "unha temeridade".

Vázquez salienta que a Xunta non incrementou a cantidade que destina por hora ao Servizo de Emprego ao Fogar, 9,70 euros. "Xa era insuficiente, agora éo máis polo equipamento que teñen que usar as auxiliares", di. Respecto ao anuncio do aumento das horas, o informe reprocha o uso da Lei de dependencia "como propaganda electoral". "Resulta abraiante que anuncie máis horas nun concello que todas as que adxudicou nun ano", resalta.