Catro concellos lucenses denuncian que a Xunta retira os fondos para axuda a domicilio a 116 veciñ@s

Os alcaldes de Riotorto, A Pontenova, Pastoriza e Pol piden unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar para resolver o problema

Concello de Riotorto
photo_camera Concello de Riotorto

A decisión da Xunta da Galiza de retirar determinadas axudas en benestar a aqueles concellos con menos de 20.000 habitantes xa está a deixar patente as primeiras consecuencias en recortes de servizos indispensábeis en moitos destes municipios.

Así, a retirada de fondos para axuda a domicilio vén de provocar que 116 veciñ@s de Riotorto, A Pontevova, pastoriza e Pol fiquen sen este servizo imprescindíbel para o seu día a día. Así o veñen de denunciar os alcaldes deses catro municipios, que mantiveron unha xuntanza para “analizar as consecuencias quen en materia de benestar vai ter” esa decisión. Ao encontro tamén estaban convidados os rexedores de Meira e Ribeira de Piquín (cos que os anteriores concellos manteñen colaboración en diversos ámbitos de servizos municipais) mais que non acudiron.

Para o alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, a decisión da Xunta non só afecta a estes perto de 120 veciñ@s, senón que mesmo pon en risco a continuidade o funcionamento doutros servizos de traballo social nos 4 concellos antes mencionados.

“Non é de recibo”

Para o rexedor de Riotorto, “non é de recibo a discriminación da Xunta aos concellos en función do seu número de habitantes, e aínda menos que se estabelezan dúas varas de medir que fixa un trato desigual para os veciños e veciñas do rural e das cidades”. Neste sentido, Gutiérrez Estoa lamenta a ausencia dos alcaldes de Ribeira de Piquín e Meira, e entende que “antepuxeron os intereses do seu partido por riba dos intereses dos seus veciños e veciñas”. Para o rexedor de Riotorto, eidos como a axuda a domicilio, os servizos para nen@s e maiores “non saben de siglas”.

Declaración institucional

Os alcaldes de Riotorto, A Pontenova, Pol e A Pastoriza veñen de subscribir unha declaración institucional na que instan á Xunta a manter o servizo de atención no fogar básico, así como das unidades de traballo social e dos equipamentos sociais de titularidade municipal “que cando menos garanta a contía achegada en 2010”.

Nesa declaración, os rexedores denuncian o que cualifican de “tratamento discriminatorio” para os concellos de menos de 20.000 habitantes que a Xunta impón no decreto de marzo de 2012 de financiamento de benestar.

Petición

Os rexedores destes catro concellos de Lugo anunciaron, alén diso, a solicitude dunha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, “a fin de desbloquear o problema que creou con esta decisión”.

Comentarios