Resumo

#Sermos360: Máis precarias

As capas deste número.

Máis un semanario en papel Sermos Galiza no prelo. Con este sumamos 360 números. Xa dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

Un novo número do semanario en papel Sermos Galiza está a piques de saír á rúa. A edición 360 en papel abre cunha reportaxe sobre a economía circular e as súas implicacións nos concellos. Pontevedra adiántase á estratexia marcada pola Xunta de Galiza ao respeito. Descubrimos o porqué.

En Opinión publicamos máis un número de A ollo nu, que cada semana asina Xoán Costa, e os artigos de opinión de David Otero e Marga do Val. Sociedade dedicámolo ao resgate dos feitos que levaron á reconstrución do PSOE na Galiza após 1939 e a facer un balanzo da aplicación da Lei de Benestar Animal.

En Economía, falamos con Manuel Lago para coñecer de primeira man os dados do informe do Foro Económico da Galiza sobre o mercado de traballo e a precariedade. Unha radiografía que fai fincapé na mocidade e nas mulleres.

As obras no edificio de San Caetano ocupan a reportaxe principal da sección política, en que tamén recollemos unha información sobre financiamento. En Internacional, analizamos a situación política após as eleccións primarias que puxeron na corda bamba a Macri.

Cultura abre cunha información do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén sobre as mulleres do monte e o xornalista Xosé Antonio Gurriarán. Publicamos, ademais, o sexto relato de “Un verán en Galeusca”, a sección partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb.

As críticas de Mario Regueira e Andrés Castro completan unha sección que fecha cun novo capítulo da sección sobre os campos de concentración. Dedicámolo esta semana ao de Lavacolla, en Compostela.

Acompaña o número 360 do semanario en papel un especial de verán sobre Carballo, centrado na arte urbana e no surf.

[Podes adquirir o semanario Sermos Galiza na loxa a partir da noite da cuarta feira ou a partir da quinta feira nos quiosques]