Resumo do semanario

#Sermos351: Así son as entidades locais menores

As dúas portadas do semanario

Sabían que na Galiza existen nove entidades locais menores? Que son? Como funcionan? Poden descubrilo no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, que na quinta feira chega aos quiosques cun amplo abano de temas.

Máis unha cuarta feira o semanario en papel Sermos Galiza chega á rotativa e está xa a disposición das lectoras e lectores na loxa. Dedica o Tema de Primeira aos problemas que padece a lingua galega para se posicionar nas buscas de Google e continúa cos artigos de opinión de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez, cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio e co A ollo un de Xoán Costa.

En Sociedade viaxamos atrás no tempo para coñecer a crónica referida ás mártires de Silán, en Muros. Non nos esquecemos do San Xoán e dos rituais que seguen vivos nunha celebración de marcado carácter pagán.

En Economía publicamos unha reportaxe ao redor das cooperativas vinculadas co mar e outra sobre as características das exportacións que rexistra Galiza.

Política dedicámolo ás entidades locais menores e á situación que vive En Marea e en Internacional recollemos un painel de expertas xuristas que achegan a súa lectura en relación ao xuízo ás presas e presos políticos cataláns.

Fóra de Serie abre cun novo capítulo de A Galiza ignorada, nesta ocasión, dedicada a Idacio da Limia e o espertar cultural. Na entrevista, conversamos con Manuel Vilar sobre a súa próxima dirección no Museo do Pobo Galego.

A crítica literaria de Mario Regueira analiza o poemario de Teresa Ramiro que vén de ser publicado e a cinematográfica de Andrés Castro fai o propio co filme Feedback. Ademais, Manuel Xestoso escribe sobre Galiza escena pro.

En Andar e Ver o equipo XEA danos a coñecer as fervenzas do río da Xestosa e Mercedes Espiño axúdanos a completar a andaina cunha receita dunha torta de piña con crema de iogurte.

Tamén publicamos as columnas de Iolanda Gomis, Máis alá de cero e un, e de Iria Veiga, Po de estrela, que nos dá a coñecer interesantes datos sobre as tatuaxes.

Un novo mapa que recoñece a importancia internacional da Galiza do século XIII completa a relación de temas que recolle o Sermos Galiza número 351, cuxo selfie está protagonizado por Miguel Robledo.

Nas próximas horas, o semanario estará dispoñíbel na loxa e a partir desta quinta feira, nos quiosques e puntos de venda habituais.