#Sermos350: O aniversario!

Sumamos 350 números, sete anos de vida e un futuro por diante con Nós Diario, o novo medio, en soporte dixital e en papel, que verá a luz a finais de ano. O número 350 do semanario en papel xa está dispoñíbel na loxa.

O semanario Sermos Galiza está de aniversario. Fai 8 anos -saía ás rúas o 8 de xuño de 2012- e un total de 350 números en papel. Máis de 14.000 páxinas de interese galego do único semanario na nosa lingua que pode atoparse nos quiosques.

A isto dedicamos o Tema de Primeira da semana, a facermos balanzo do traballo realizado e a contarmos o proceso de lanzamento de Nós Diario. Ademais, publicamos unha entrevista co presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e conselleiro delegado, Xoán Costa.

En Opinión, publicamos os artigos de Luz Darriba e de Mercedes Queixas, así como os cadriños de Nacho Hortas e Tokio e mais o “A ollo nu” que asina cada semana Xoán Costa.

En Sociedade analizamos os cinco anos desde a chegada da vespa velutina á Galiza e damos conta da tradución ao galego do manifesto Feminismo para o 99%.

En Economía publicamos unha reportaxe sobre o recoñecemento internacional á vaca caldelá e outra sobre a precariedade nas empresas de reparto Glovo e Deliveroo.

En Política debruzámonos sobre os pactos de goberno nas cidades e grandes vilas e poñemos o foco no caso de Barreiros, onde o PP perdeu a hexemonía histórica que mantivera até o momento.

En Internacional analizamos o contexto político que vive Euskal Herria logo das citas electorais.

Fóra de Serie abrímolo cunha colaboración do profesor da USC Carlos Quiroga sobre Fernando Pessoa cando se fan 131 anos do nacemento do célebre escritor. A entrevista dedicámoslla a Ledicia Costas, autora de Infamia.

As críticas de literatura e de cinema céntranse en Ás oito da tarde, cando morren as nais e en Os arquivos do pentágono.

Publicamos ademais a derradeira colaboración de Caderno de Navegación, asinado por Jasper Nao, e coñecemos as Gralleiras desde Guende, da man do colectivo XEA.

En Notas do mar levado, Carlos Penela escribe a segunda entrega de Von Harff en Compostela e Iago Varela fai o propio ao redor da polémica de EUA con Huawei. Fechamos coa sección De memoria, en que Marga do Val resgata a figura de Lolita Jaso. O selfie asínao Carlos Tejerizo, de Sputnik Labrego.

[Podes adquirir o número 350 do semanario en papel Sermos Galiza na loxa ou nos quiosques e puntos de venda habituais]