Nova entrega do semanario

O Sermos328 pregúntase se 'A derradeira leición do mestre" debe ficar na Galiza

montaxe (1)

Mais un número na rúa do Sermos, o 328, o primeiro deste 2019. Na capa, un grande retrato de Daniel Castelao, con motivo do seu 69 cabodano, unha efeméride que nos dá pé a nos perguntarmos se "A derradeira leición do mestre" debe ficar ou non na Galiza. O Sermos328 vén completiño: desde unha entrevista co mítico guerrilleiro Francisco Martínez Quico (supervivente da loita antifascista, 93 anos) até unha análise de Julio Gambina sobre o confronto EUA-China pasando por unha reportaxe, máis alá da propaganda oficial, sobre os sectores exportadores da economía galega.

Castelao, el propio un símbolo, legounos unha obra en si mesma icónica, un alegato contra o Atila fascista que arrasou o país a partir de 1936. Neste Sermos 328 abrimos o debate sobre se "A derradeira leición do mestre", a obra que se expón na Cidade da Cultura desde o pasado mes de marzo, debe ficar ou non definitivamente no noso país. Facémolo cunha reportaxe da autoría de Daniel Salgado sob o título de "O segundo regreso de Castelao".

 

Nas páxinas de Sociedade dámoslle voz a quen ten moito a contar, porque o viviu en primeira liña, sobre o combate contra o fascismo. Xosé Ramón Ermida e María Obelleiro entrevistaron Francisco Martínez Quico, o único membro vivo da Federación de Guerrillas de Galiza e León, quen nos deixa un titular tan elocuente como inquietante pola súa actualidade: "O fascismo non foi derrotado como ideoloxía en ningunha parte".

 

En política abrimos sección pondo o foco nas fendas abertas na Marea, un conflito que se axiganta após unhas primarias tan traumáticas que formalmente aínda non se poden dar por resolvidas, pois o sector crítico non acaba de recoñecer os resultados, á espera da luz que eventualmente poida deitar unha nova auditoría externa á organización. A reportaxe asínaa Xacobe Ferreiro co título xenérico de "As primarias agrandan a fenda de En Marea".

 

Por súa parte, X.M. Pinheiro debrúzase sobre a escasa paixón de Feixoo por negociar transferencias co goberno do estado, após o Congreso ter admitido a trámite a proposición de lei do Parlamento de Galiza para o traslado ao país da xestión da AP-9. O dato é que ao chegar ao poder, en 2009, Feixoo instou o Goberno Zapatero a pór baixo xurisidición galega até 17 novas competencias. Mais todo ficou aí e até o de agora o líder do PPdeG non ensanchou nin un centímetro o autogoberno galego.

 

Nas páxinas de Internacional, o Sermos ofrece esta semana unha entrega analítica do economista crítico Julio Gambina. Un dos vultos do pensamento alternativo arxentino debrúzase no seu texto sobre a disputa pola hexemonía planetaria entre os EUA —respaldados polo Reino Unido de May— e a China de Xi Jinping, con Washington a apadriñar políticas proteccionistas e Beijing a defender a globalización e as políticas máis ou menos librecambistas.

 

É ouro todo o que reloce nos sectores exportadores do país? Claramente a resposta é non, se nos atemos á reportaxe de X.M.Pinheiro, un traballo que pon en destaque que "as vendas ao exterior baten marcas, mais tamén mostran desequilibrios".

 

Fóra de Serie

 

Canto ao Fóra de Serie, este Sermos 328 —alén das seccións habituais— entrega unha entrevista de Daniel Salgado coa escritora Ana Cabaleiro —"Na literatura óbviase a diferenza de clase e iso é perigoso"— e un texto de Felipe Senén sobre a tradición e a adulteración do belén na Galiza.

 

[O Sermos328 estará nas rúas esta quinta feira 3 de xaneiro e xa está disponíbel on line na nosa loxa]