Un novo número na rúa

#Sermos260: a sanidade, cada vez máis afastada do público

A reestruturación do mapa sanitario abre o Sermos Galiza 260, xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques habituais. O semanario chega con moitos máis temas: a débeda contraída polo goberno galego, os concertos no ensino, a perda de peso da filosofía na formación, a entrevista ás Tanxugueiras, a aparición de Galiza, como reino nas fontes europeas, e moito máis.

O Sermos 260 métese de cheo no anteproxecto da Lei de Saúde e no novo mapa sanitario que implica unha sanidade máis afastada das persoas usuarias. O anteproxecto fixa a eliminación das áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. Unha decisión que lle confire aos grandes complexos hospitalarios unha enorme capacidade de absorción de recursos e que converte os hospitais comarcais en “ambulatorios grandes”.

 

En “A vixencia da filosofía. Necesitamos pensar” é a reportaxe que contempla o ámbito do pensamento como un factor fundamental para unha sociedade con capacidade crítica e de reflexión. Con motivo da inminente entrega das sinaturas da campaña Filosofía Si no Parlamento Galego –busca a obrigatoriedade de Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato–, conversamos coas súas promotoras e promotores.

 

O reforzamento do ensino concertado por parte do Goberno galego; o caos nas Illas Cíes ou a política conservadora do PP na Galiza son outros dos temas recollidos no semanario, que analiza o fascismo nos EUA e a resposta da Generalitat aos atentados jihadistas. O sobrecusto do financiamento da Xunta a través dos bancos e a xestión portuaria engádense aos asuntos tratados.

 

O Fóra de Serie abre cunha interesante información que dá conta do Reino de Galiza nas crónicas europeas, dentro da documentación medieval, que se presenta como a segunda parte da información publicada no semanario número 256 que aludía ao Reino de Galiza nas fontes árabes. Tamén é salientábel a nova entrega de A ollada náufraga, a columna do escritor Francisco Castro.

 

A entrevista cultural da semana dedícase ás Tanxugueiras, o fenómeno da música tradicional deste verán. Non será o único asunto musical recollido no Fóra de Serie, pois Navia Rivas achéganos composicións saídas dos EUA contra o fascismo.

 

Todo isto e moito máis, como as achegas de Xoán Costa, Guillerme Vázquez, Marga do Val, Nacho Hortas, Tokio, Andrés Castro e Mario Regueira.

 

[Podes facerte co semanario na loxa ou nos quiosques habituais]