Un novo semanario, na rúa

#Sermos210: Despexos sen tregua

Máis unha semana o Sermos Galiza sae á rúa para chegar ás casas e aos quiosques do país. Nesta ocasión, centramos o foco nos despexos, un drama que se normaliza malia rexistrárense seis desafiuzamentos ao día. Xa está dispoñíbel, xunto co A Fondo e o Caderno de Verán, na loxa.

O Sermos Galiza 210 dedícalle o tema de apertura aos desafiuzamentos, que seguen a producirse de maneira silenciosa. Falamos coas plataformas de persoas afectadas para que nos expliquen cal é a situación actual e que é dos programas anunciados pola Xunta de Galiza nos últimos meses.

Amais dos artigos de opinión de Luz Darriba e de María Obelleiro, no Sermos poderás ler unha reportaxe sobre a menstruación e o deporte e outra sobre as agresións sexuais.

Dedicámoslle as páxinas de Política á análise da actualidade de En Marea e do BNG e Internacional, ás filtracións de George Soros e a Mercosur.

En Economía publicamos unha reportaxe arredor do debate máquina/persoas a raíz dun estudo da OCDE que indica que a automatización acabará co 12% dos postos de traballo no Estado español.

No Fóra de Serie, publicamos o perfil de Cabanillas e ofrecemos a segunda parte da Galiza Imaxinada, o percorrido polo mapa da Galiza a través da literatura. Ás críticas semanais de literatura e cinema sumámoslle o apartado mensual dedicado ao teatro.

Como está a piques de rematar agosto, recollemos o novo calendario do mes de setembro, creación do fotógrafo Xan Muras. Fechamos o Sermos 210 co selfie de Sokram.

Aliás, publicamos un A Fondo especial sobre o Museo de Pontevedra que nos leva a visitar a historia da arte galega, desde a arqueoloxía até a contemporaneidade.

No Caderno de Verán, que fecharemos co Sermos 211 até o ano que vén, dedicámoslle a dupla de apertura a un testemuño directo arredor dos lumes. Como cada número, propoñemos un local de verán e unha cervexa artesá e convidámosvos a visitar un lugar, esta vez Malpica. Amais da axenda, incluímos a oitava entrega do relato por entregas de Miguel Mato e mais o oitavo poema de Rosalía Fernández, así como a fotografía de Xurxo Lobato.

[O semanario está xa á venda na loxa e a partir da quinta feira poderá atoparse nos quiosques do país]