Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A.

"Sermos xera esperanza e dá voz a quen non a ten"

Unha década de 'Sermos Galiza', vista por Xoán Costa. (Foto: Árxina)
Xoán Costa Casas (Oroso, 1956) é presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., empresa editora do semanario homónimo e de Nós Diario, e que hoxe celebra en Santiago 10 anos de vida cun acto en que Xoán Costa fará repaso desta década coa ollada posta nos retos de futuro.

—Sermos Galiza celebra hoxe en Santiago os seus 10 anos de vida. Vostede será o encargado de pór o ramo ao acto, que destacará desta década?
Ben, para “pór o ramo” tomo prestados os primeiros versos dun poema de Gusttavo (así, con -tt-) Lima titulado 10 anos. Non é a única canción con este título mais esta, fronte a outras que falan de nostalxia e de lembranzas perdidas, fala de futuro, de responsabilidade e valentía para enfrontar os acontecementos, da necesidade de non permitir que outros inventen por nós a nosa historia e, sobre todo, de algo moi acaido para o que é a historia de Sermos Galiza e que se recolle no verso: Tudo é nada sem você.

Quer dicer, este proxecto, e estes resultados, non serían posíbeis sen a participación de tantas e tantas persoas que conforman o que chamamos Comunidade Sermos.

A combinación de confianza e prudencia permítenos avaliar as posibilidades e a viabilidade do proxecto

—Sermos comezou sendo semanario en papel e diario dixital, pero xa se propuñan daquela dotar o país dun diario en papel en galego. Confiaba por entón que era posíbel e viábel?
A confianza, creo eu, é unha das virtudes do que antes denominei Comunidade Sermos. A outra é a prudencia. E a combinación das dúas permítenos avaliar as posibilidades e a viabilidade do proxecto.

A posta en marcha de Sermos Galiza en 2012 foi resultado dun longo proceso de diálogo levado a cabo durante o ano 2011 e que tiña por obxectivo explicar o proxecto e conseguir os 300.000 euros de capital social necesarios para a saída do número un de Sermos Galiza.

Cinco anos despois, concretamente o 24 de novembro de 2017, fixemos pública a intención de ofrecer máis contidos a través dun diario en papel. Aquela decisión estaba sustentada en dúas ideas base: un diario en papel é necesario e é posíbel.

Sobre a necesidade non había dúbidas, mais restaba ver se era posíbel. E para iso marcamos un obxectivo: é posíbel e viábel se conseguimos 3.000 asinantes que nos permitan manter o proxecto sen dependencias de ningún grupo económico. Fixemos máis de 50 actos de presentación e logramos o obxectivo.

—Cales foron as maiores dificultades ás que tiveron que facer fronte nestes 10 anos?
Foron moitas. E para todas tiñamos unha saída, que podía resultar ou non, mais non sería nunca improvisada. Mais houbo dúas que non tiñamos previsto. A primeira, a Covid-19, que aparece xusto no momento en que Nós Diario se pon en marcha e que nos obrigou a paralizar campañas de publicidade e, daquela, de expansión e consolidación.

A segunda, a posición do Goberno de Feixoo, expresada a través da Secretaría Xeral de Medios, de negación da nosa existencia. Fíxese que non falo de axudas económicas, ás que non cabe dúbida que temos dereito como os demais medios e na proporción que nos corresponda, non, falo de negar o dereito á existencia.

A curto prazo o obxectivo é consolidar a empresa, as dúas cabeceiras e, en definitiva, gañar máis confianza, ter máis proxección social

—E do bo, que destacaría?
A totalidade do proxecto, a capacidade de seguirmos xerando ilusións, esperanzas, de seguir dando voz a quen non a ten, de ofrecer unha visión da Galiza e do mundo desde unha perspectiva propia.

—Hoxe reúnese a Xunta Xeral de Accionistas de Sermos Galiza. Cales son os novos obxectivos da empresa a curto prazo?
Os obxectivos a curto prazo céntranse en desenvolver unha serie de estratexias económicas, xornalísticas, de publicidade... que teñen como obxectivo consolidar a empresa, as dúas cabeceiras e, en definitiva, gañar máis confianza, ter máis proxección social e criar condicións que nos permitan podermos seguir outros dez anos, polo menos.

En galego, con todos os acentos

'En galego con todos os acentos' é o lema da campaña realizada polo deseñador Pepe Barro -creador da liña gráfica e da maqueta de Sermos Galiza e de Nós Diario- coa que se conmemora a aparición do semanario Sermos Galiza hai dez anos, a 8 de xuño de 2012. Este primeiro número do semanario supuxo a volta do galego á prensa en papel, e para conmemorar esta década, Sermos Galiza S.A. organiza hoxe un acto de convivio en Compostela.

Ofrecerá unhas palabras de benvida para o público a directora de Nós Diario, María Obelleiro, dando paso á actuación de Celso Sanmartín, contacontos e poeta. Seguirá a música da cantante e compositora Su Garrido e porá o ramo ao acto o presidente e conselleiro delegado da empresa Sermos Galiza S.A., Xoán Costa.