Sermos supera en 2017, por vez primeira, os 6 millóns de páxinas vistas

Reprodución da cabeceira da noticia máis lida no Sermos en 2017

2017 foi o mellor ano na historia do Sermos dixital, a mostrar a tendencia á alza deste meio. Por vez primeira desde que está on line (abril de 2012), Sermos fechou o ano con máis de 6 millóns de páxinas vistas. 

1,8 millóns de visitas. 626.796 usuarias únicas (conceito que mide o número de IPs desde o que se accede a un meio dixital) e 6.259.940 páxinas vistas. Estes son os grandes números que resumen a andaina do Sermos en 2017, o mellor ano da historia do meio en todos e cada un deses indicadores.

 

O incremento no número de páxinas vistas é especialmente significativo. 2016 concluíu con 5.111.698 millóns de páxinas vistas. O salto até os 6,2 deste 2017 representa un aumento de 1.148.242, isto é, 22,4 por cento.

 

O avanzo na audiencia deste meio é perceptíbel tamén no marcador das usuarias únicas. O dado de 2016 era de 571.884. 2017 concluíu con 626.796, récord histórico do Sermos. O aumento -54.912- representa un incremento de 9,6 por cento.

 

As visitas tamén foron a máis este ano, saldado con 1.876.480, 106.458 máis que en 2016, un aumento de 6 por cento.


A audiencia ao Sermos renóvase cada día e, así, un dos dados máis elocuentes do exercicio recentemente concluído é que o número de visitas ao site que se realizaron por vez primeira ascendeu a 31,93 por cento do total.

 

As pezas máis vistas

 

O top ten das pezas máis vistas en 2017 fica como segue:

 

1.-O panteón da Catedral de Santiago oculta o Reino da Galiza. 29.904 leituras.

 

2.- Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galiza nas fontes árabes. 29.590 leituras.

 

3.-Carta ao director: Clases de galego para Roberto Vilar. 27.618 leituras.

 

4.-Unha traballadora da CRTVG foi obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP. 22.569 leituras.

 

5.-De onde vén o desprezo ao galego. 22.077 leituras.

 

6.-Os nomes dos verdugos por fin: novo libro de Sermos Galiza. 21.931 leituras.

 

7.-En defensa de Galicia, un artigo de Anselmo López Carreira. 20.158 leituras.

 

8.-Un vídeo das Tanxugueiras faise viral en Escocia. 17.566 leituras.

 

9.-Manuel Rivas, sobre os lumes: "A Xunta é unha facción inútil, que lle apliquen xa o artigo 155". 15.776 leituras.

 

10.-Desprazan 5 helicópteros aos Ancares cando o lume estaba extinguido para acompañar a visita da conselleira. 15.637 leituras.

 

Todos estes dados están tirados das estimacións de Google Analytics.