Sermos Galiza: de Xabier Díaz á historia baleeira da Galiza

O semanario de 32 páxinas que se publica este sábado acompañando Nós Diario mergúllase na historia da industria baleeira na Galiza, falamos de arquitectura sustentábel e entrevistamos Xabier Díaz.

O semanario Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 do suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

‘O esqueleto da balea’. Combustíbel, margarina, xustillos, paraugas ou carne para as cociñas xaponesas son algúns dos destinos finais da caza dos cetáceos. Esta actividade realizouse na costa galega, polo menos, dende o século XII. O final deste lucrativo negocio chegou cunha moratoria en 1982. Despois dela, nos lugares onde se despezaban os animais, só quedan fábricas en ruínas.

“Malpica, Caión (A Laracha), Rinlo (Ribadeo), Rego de Foz e Nois (Foz) e Burela son algúns dos portos nos que se sabe que se cazaban baleas. Era unha actividade local que pasou a estar industrializada coa chegada das flotas vascas”, explica Olaia Tubío nesta reportaxe.

Conversamos con Xabier Díaz. Vén de ver a luz ‘As Catedrais Silenciadas’, o terceiro álbum no que repite colaboración coas Adufeiras de Salitre. O compositor continúa a explorar os camiños dunha música tradicional cada vez máis propia, na que os estados de ánimo transcenden na procura eterna da fascinación. O disco ceiba un aturuxo contra o estertor rural, último alento que leva consigo unha perda identitaria irreparábel. Porén, lonxe de catastrofismos, é unha advertencia para insuflarlle aire, mensaxe que levará na xira que comeza o 21 de marzo en Barcelona e que chegará en abril á Galiza

"Penso que talvez a meta sexa escribir nova música popular, de cero, mais obviamente sustentada en todo ese magma no que eu me criei”, confesa na conversa con Irene Pin.

‘Materia viva, Salgado e Liñares’. A sustentabilidade estase a converter nun elemento fundamental da arquitectura contemporánea. Búscanse edificacións que consuman moi pouco ou mesmo que sexan totalmente autónomas. Mais hai quen vai alén disto e trata de alcanzar tamén o equilibrio ambiental e dos materiais, con intervencións que alteren a paisaxe o mínimo e construcións con materiais naturais e renovábeis como a madeira. Disto fálanos Iago Valverde neste número de Sermos Galiza.

Da Fírveda ao río Limia

O colectivo Xea proponnos máis un novo roteiro que coñecer da súa man. “O concello da Porqueira ocupa un estreitamento do val do río Limia, na parte sur da chaira, e elévase cara ao sur, acadando as máximas altitudes no linde cos concellos de Calvos de Randín e Os Blancos. Como moitos concellos do interior da Galiza ten unha baixa densidade de poboación (43 quilómetros cadrados e 815 habitantes) e carece de núcleos importantes. Neste espazo acolle destacados valores naturais (soutos e carballeiras con exemplares monumentais), etnográficos (hórreos, casas, pontes...) e histórico-artísticos (castelos, igrexas...)”.

As propostas, suxestións e descubertas en literatura, cinema e música expándese a través de seis páxinas. Ao tempo que en Arte achegámonos ao Cándido Fernández Mazas ilustrador.