María Obelleiro, directora

Sermos Galiza unifica as direccións do diario dixital e do semanario

María Obelleiro

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. acordou a reunificación das direccións do diario dixital e do semanario. María Obelleiro, até o de agora directora do Sermos Galiza en papel, será a responsábel de ambos os soportes a partir desta sexta feira, 1 de febreiro.

María Obelleiro será desde esta sexta feira, 1 de febreiro, a directora de Sermos Galiza ao acordar o Consello de Administración reunificar as direccións do diario dixital sermosgaliza.gal e do semanario en papel. O conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A. e presidente do Consello de Administración, Xoán Costa, explica que a decisión vén determinada pola necesidade de que ambos os dous soportes converxan co fin de avanzar na integración da edición dixital e da imprensa nunha etapa de cambios e retos.

 

Trátase, en palabras de Costa, de atender un medio que fusione as características propias do soporte dixital –en especial, a axilidade, o multimedia e a retroalimentación coa comunidade lectora– e a profundidade que ofrece a publicación impresa. As necesidades de renovación que acompañan a todo medio marcan a decisión do Consello de Administración a respeito da dirección co fin de poñer a disposición das lectoras e lectores contidos renovados.

 

María Obelleiro (Arcade-Soutomaior, 1985) viña desenvolvendo os labores de dirección no semanario desde xaneiro de 2017. Licenciada en Xornalismo –na especialidade de xornalismo audiovisual– na Universidade de Santiago de Compostela, iniciou a súa traxectoria profesional en A Nosa Terra –onde exerceu de redactora do semanario e de editora de contidos no diario dixital anosaterra.com– até o seu feche, en 2010.

 

Completou a súa formación académica co Grao de Educación Primaria, co Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria e co Mestrado Universitario en Protocolo e Relacións Institucionais, alén de cursos sobre igualdade.

 

Obtivo o Premio de Xornalismo Johán Carballeira en 2017, cunha reportaxe publicada en Sermos Galiza titulada O apartheid sanitario na Galiza, sobre a exclusión de persoas inmigrantes na sanidade pública. Foi colaboradora de Correo Televisión, Radio Galega e Tribuna Catalana e participou na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de 2004 a 2008.

 

Xosé Mexuto cesa nas súas funcións de director do diario dixital o 31 de xaneiro e seguirá vinculado á redacción. Xoán Costa amosa o seu agradecemento ao labor do xornalista e mostra confianza en que María Obelleiro afronte os múltiples retos da dirección xornalística de Sermos Galiza nuns momentos especialmente delicados para o exercicio dun xornalismo rigoroso, fiábel, responsábel e comprometido co país e coa igualdade.