Sermos Galiza: Tesouros onde menos se agarda

O semanario de 32 páxinas que se publica os sábados con Nós Diario percorre neste número un tesouro agochado: o mural do Eume. Falamos con Tamara Canosa, directora de Liberto, a primeira montaxe de Marelas Producións; e coñecemos sobre Bernardo Bargo, emigrante galego, anarquista, desconforme.

No corazón das fragas do Eume, seguindo a ribeira do río no límite dos concellos de Monfero e A Capela, atópase unha das obras máis singulares e descoñecidas da arte moderna, preservada discretamente no interior dunha hidroeléctrica construída a mediados do século pasado nas proximidades da antiga central de Ventureira. Se penetramos na sala de turbinas descubriremos o gran mural que o pintor, escultor e deseñador José María de Labra concibiu para ese emprazamento específico no ano 1960, coincidindo coa inauguración da nova instalación.

Labra Suazo foi un dos máis importantes creadores de arte abstracta do século pasado, naceu na cidade da Coruña en 1925. Desta obra falamos na reportaxe 'Forma e forza, o mural da central do Eume', de Antonio S. Río Vázquez.

Tamara Canosa é a directora de Liberto, a primeira montaxe de Marelas Producións, cun elenco formado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao. A obra foi quen de situarse na primeira liña de saída dos Premios María Casares, aspirando a sete galardóns entre os que están os de mellor espectáculo, dirección, actriz principal e secundaria e música orixinal. Posibelmente unha sorpresa para unha obra dura, que conta a historia dunha nai que recibe a noticia de que o seu fillo nacerá con danos cerebrais irreparábeis e que enfronta a certeza de que o mellor que lle pode suceder é morrer.

Manuel Xestoso conversa con ela (Tamara Canosa, o risco é o éxito) neste número do Sermos Galiza. "Fago o teatro que a min me gustaría ver ou investigo nas cousas que me preocupan: sobre o que teño claro, non me interesa facer teatro".

Eliseu Mera tráenos a Bernardo Bargo Gómez, un emigrante galego que foi no inicio do século XX unha persoa moi coñecida entre as policías de varios países de Iberoamérica. A súa rebeldía confrontárao coa sociedade do tempo en que viviu. Primeiro como un home humilde que cometía pequenos delitos; máis adiante como rebelde consciente e militante anarquista. En todo momento e lugar, un desconforme, un inadaptado.

“Aínda que Bernardo Bargo Gómez é un completo descoñecido na súa terra, en tempos as forzas de policía, a opinión pública, e mesmo unha parte da comunidade científica de Iberoamérica, tiveron noticia do seu tránsito por Arxentina, México e o Brasil”.

O Colectivo Xea proponnos un percorrido a pé pola beira norte da ría de Ares, un tramo de cantís en granitos, xistos e lousas coas formacións típicas deste tipo de rochas que acadan en varios puntos máis de 50 metros de altura. Un roteiro sorprendente, duns 15 quilómetros, e de dificultade media. Pra anotar na axenda para cando remate o confinamento.

Mais Sermos Galiza non remata aquí. Oito paxinas para coñecer, debulla, gozar e sorprendernos con propostas e proxectos literarios,musicais, auidiovisuais ou de gastronomía da man de Mario Regueira, Inma Otero, Andrés Díaz, Mauro Borrazás, Andrés Castro, Mercedes Espiño e Vide Vide!