Sermos Galiza: Susana Seivane, tatuaxes nas pedras, e o presente e futuro da xoiería galega

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo coa gaiteira e compositora Susana Seivane; unha viaxe por eses patrimonio nas pedras que son os petróglifos e afondamos na xoiería galega.

Volve Sermos Galiza este sábado á súa cita cos lectores e lectoras de Nós Diario. O semanario de 32 páxinas volve convidar á lectura pausada e a adentrármonos en temas que precisan ser tratados de vagar.

A cronoloxía e distribución dos petróglifos é complexa pero, para comezar, cómpre preguntarse que son estes gravados. Unha primeira achega é a definición etimolóxica que xorde dos termos gregos petros (pedra) e glyphein (tallar), que dá orixe ao francés pétroglyphe. Con esta denominación refírense as tatuaxes prehistóricas nas rochas, normalmente graníticas, unha representación gráfica e simbólica ao ar libre, previa á aparición da escritura. Identificalos e catalogalos supón unha dificultade engadida por mor do seu descoñecemento e situación xeográfica, así como polo desinterese das Administracións, que deixan estes labores en mans de asociacións e colectivos. Malia todo, a Galiza é un dos lugares de Europa onde máis se concentran.

Neste número do semanario Natalia Porca lévanos por este patrimonio que na Europa condénsase fundamentalmente en tres zonas: Escandinavia, os Alpes e a Península Ibérica, coa Galiza cun papel protagonista.

Susana Seivane (Barcelona, 1976), unha das compositoras e intérpretes máis internacionais da Galiza, partillou co mundo o seu singular confinamento ateigado de música. As pezas que tocaba para a veciñanza desde a súa varanda de Cambre chegaron á aldea global a través das redes sociais, axiña viralizadas até xerar un contacto máis directo co público. Preocupada polo futuro do sector musical, mais sen perder o ánimo, a gaiteira conta os funambulismos de conciliar a vida laboral e a familiar durante estes incertos tempos de corentena.

Con ela fala Irene Pin neste número. "Houbo poucas gaiteiras, pero si que as houbo. O que pasa é que non se lles deu o recoñecemento e a sona que merecerían", afirma.

A xoiaría, unha das profesións máis antigas do mundo, está a atravesar unha situación complicada a causa da crise provocada pola COVID-19. Como recoñecen desde o sector "somos do primeiro do que se prescinde", mais tamén queren fuxir do pesimismo e do negativismo e xa se están mobilizando para desenvolver campañas que reivindiquen a súa calidade e a súa condición de comercio de proximidade con bens producidos na Galiza. En 'Xoiería galega, un sector milenario que aspira a rexurdir como unha ave fénix' Héctor Pena fai un percorrido por un sector non só importante en termos económicos e laborais mais tamén culturais e de identidade.

O Colectivo Xea continúa a levarnos por diferentes espazos da Galiza. Nesta ocasión, pola costa de Xove, na Mariña. O litoral esténdese entre as rías do Lieiro e de Viveiro, das que tamén ocupa parte das bocas (na de Lieiro desde a praia de Paraños á punta de Morás e na de Viveiro desde a punta de Portonovo á punta Mansa), en total uns 25 quilómetros de cantís, os da parte exterior por enriba dos 50 metros de altura en moitos puntos, moi recortados, dos que sobresaen as puntas de Morás, Merixe, Roncadoira e Mansa, a illa de Ansarón e a saída ao mar do rego de Esparaños, en Portocelo. Entre os cantís fórmanse seos que acollen coídos e areais.

Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema e cociña achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Belén Bouzas, Inma Otero, Carlos Penela, Mauro Borrazás, Andrés Castro, Mercedes Espiño e Vide Vide.