O semanario Sermos Galiza, esta sexta feira co teu Nós Diario

capasg

O semanario de 32 páxinas que se publica os sábados con Nós Diario faino desta vez nesta sexta feira, ao non publicarse o sábado prensa en papel.

En tempos de confinamento Sermos Galiza mantén a súa cita coas lectoras e lectores. Neste número faino na sexta feira, tamén con Nós Diario, e non en sábado, data habitual. Esta sexta feira está fixada como xornada de descanso para a prensa en papel, polo que ao día seguinte non haberá xornais. A web de Nós Diario si que estará activa e cubrindo a actualidade.

A NASA, os Sputniks, o programa Apolo... Cando pensamos na industria e na investigación espacial, o que nos vén á cabeza son grandes institucións gobernamentais xurdidas na Guerra Fría, organismos potentes con capacidade tecnolóxica e orzamentos poderosos sen os cales superar os límites do noso planeta resultaría imposíbel. Un escenario limitado ás grandes potencias no que o noso país non ten nada que dicir... Ou si? 'Da Galiza ao espazo... e alén'

Falamos con Ramón Regueira Varela (Melide, 1943). El teno claro: "A culpábel de todo o que pasa na Galiza nestes momentos é a Xunta, porque o señor Feixoo ten transferidas a sanidade, a educación e a dependencia, e se aquí non funcionan ben eses eidos, a responsabilidade é súa". Porén, o home que hai case 40 anos fundara a Aula Castelao de filosofía, pensa que a saída da crise provocada pola pandemia da COVID-19 non só pasa por un cambio político, senón tamén por unha revolución das ideas e un cambio de paradigma mental e social articulado arredor do público.

"O capitalismo non vale. A isto chegamos, en gran parte, por culpa dun sistema que unicamente busca o beneficio. Iso non pode ser", afirma.

'Castroferro, interiores emocionais'. Moitas das lectoras e lectores que se atopan nas súas casas darían en reflexionar sobre a importancia que ten o interior dos nosos fogares para sermos felices. Estes días de reclusión forzada valórase moito que na vivenda entre o sol, que teña un balcón ou terraza ao que saír, que a distribución permita ter espazo de intimidade, que se adapte ao teletraballo... En definitiva, que os espazos onde convivimos sexan lugares confortábeis e flexíbeis. Nunca tantas horas pasou o país dentro da casa para poder examinar o funcionamento do seu fogar. "Todo acto construído posúe tres valores inherentes: o arquitectónico, o identitario e un terceiro concepto, o enerxético e de uso, este o único dos tres puramente obxectivo".

O Colectivo Xea lévanos desta volta pola Terra Cha. Proponnos un paseo fluvial e literario polo río Madanela, en Chantada. “Unha visita a Vilalba paga a pena por moitas razóns, xa sexa para dar unha volta polo casco histórico e coñecer as rúas tradicionais; a Torre, convertida en Parador de Turismo ou as augas termais do Alligal de Codesido. Os espazos naturais de maior relevancia do concello sitúanse nas serras e nas zonas húmidas que rodean os cursos fluviais, que están protexidos nos LIC/ZEC "Serra do Xistral" e "Parga Ladra Támoga".

Mais Sermos Galiza non remata aquí. Oito paxinas para coñecer, debulla, gozar e sorprendernos con propostas e proxectos literarios,musicais, auidiovisuais e artísticos da man de Mario Regueira, López Foxo, Irene Pin, Andrés Castro ou Carlos L. Bernardez.