Monográficos

Sermos Galiza S.A. lanza a cabeceira "De Nós"

Detalle da capa asinada por Leandro Lamas

De Nós. Monografías con perspectiva galega é a nova cabeceira que edita Sermos Galiza S.A. para afondar en temáticas históricas e actuais con criterios divulgativos e para coñecer a realidade da Galiza. Ao longo do ano editaranse cinco publicacións. A primeira entrega leva por título Rebeldía galega contra a inxustiza.

Marzo abrirase con novidades para as persoas subscritoras e lectoras de Sermos Galiza. E é que a mediados do mes, Sermos Galiza S.A. estreará a colección de cadernos que se presentan coa cabeceira De Nós. Monografías con perspectiva galega. Trátase dunha nova publicación coa que afondaremos en temáticas de carácter histórico e tamén de actualidade, “vistos desde a nosa óptica de país, con criterios divulgativos e tratamento máis xornalístico”, explica Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A.

 

En total, a nova cabeceira contará con cinco publicacións ao longo de 2018. O primeiro dos monográficos, sinala Costa, tratará sobre os masacres agrarios de comezos do século XX e o seguinte xirará ao redor de María Vitoria Moreno, a escritora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2018, con traballos de Fina Casalderrey, Marta Dacosta, Eli Ríos, Susana Sánchez Aríns, Antonio García Teijeiro, Carme Vidal, Montse Pena Presas e Mercedes Queixas. Un monográfico sobre política internacional, un sobre viños e, de cara a fin de ano, outro sobre medios de comunicación completarán as temáticas programadas.

 

O tamén conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A. pon de manifesto que a nova cabeceira “xorde no proceso de diversificación de produtos que Sermos Galiza está a levar a cabo”. Lembra ao respeito que “publicamos libros, libros-DVD, un dixital e este semanario. Agora introducimos unha nova cabeceira, De Nós, sen periodicidade predeterminada, mais cun número de entre catro e cinco temas por ano. E o ano que vén publicaremos un diario en papel, O Diario Galego”.

 

De balde para subscritoras

 

Xoán Costa salienta que, até o momento, Sermos Galiza  S.A. viña publicando libros, de autoría individual ou múltiple, que se distribuían de balde entre as persoas asinantes e se vendían en librarías. “Coa revista De Nós queremos facer o mesmo, de maneira que os cadernos serán entregados de balde a asinantes e serán distribuídos tamén en quiosques, ampliando así o campo de distribución”, agrega, “quen non sexa asinante poderá mercar a revista”. A revista non elimina a publicación de libros que, no caso de seren editados, venderanse nas librarías e quiosques.

 

Os monográficos, afirma Xoán Costa, diríxense “a calquera persoa que queira coñecer a problemática que nos rodea ou outra pasada que condiciona o noso presente. E todo sen intermediarios, desde unha perspectiva propia”. “As primeiras verbas da Revista Nós afirmaban: queremos suprimir intermediarios entre o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos. Así, De Nós tamén quere ollar o mundo sen intermediarios. Desde a propia capa, ilustrada por artistas de renome, esta primeira polo artista Leandro Lamas”, conclúe.

 

O primeiro monográfico

 

Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo é o primeiro dos monográficos, que coincide cos acontecementos de Trasancos (marzo de 1918), unha data que a día de hoxe se está a conmemorar desde o asociacionismo cultural de Ferrol. O caderno fai un percorrido polos masacres máis significativos. Comeza con “As mortes no Campo da Porta”, sobre os feitos decorridos en 1894 na parroquia pontevedresa de Salcedo e asinado polo historiador Xosé Álvarez Castro; continúa con “Que se vaian todos! Conflito, loita e morte en Oseira”, do investigador Xosé Ramón Ermida Meilán, que fala do masacre de 1909 e con “Os mártires de Nebra: cans, 1916”, do historiador Eliseo Fernández.

 

Tamén recolle “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”, un traballo asinado polo historiador Francisco Rodríguez Sánchez;  “As mártires de Sofán. Algo máis que atavismo”, do historiador Xan Fraga, e “Sobredo: paz, xustiza e traballo”, de Xosé Manuel Suárez Estévez, historiador e membro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Fechan o monográfico o investigador Antón Capelán Rei, que afonda na repercusión que todos estes sucesos tiveron no ámbito literario e artístico, onde destacaron, polos seus traballos, Ramón Cabanillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e a historiadora Lucía Veciño Souto, cunha peza sobre o papel das mulleres nas revoltas agrarias.

 

A publicación deste primeiro monográfico responde á necesidade de garantir a memoria destes sucesos e a contribuír a divulgalos. Trátase de masacres con moita repercusión e cunha grande mobilización detrás, con duras consecuencias no plano represivo a raíz do golpe do 36. De feito, os acontecementos silenciáronse e son descoñecidos mesmo naquelas zonas que máis sufriron a represión. Aliás, é salientábel o papel central que cumpriron as mulleres nos movementos agrarios. Que a maioría de asasinadas fosen mulleres dá conta da súa importancia, que tamén fica de manifesto nas imaxes que reproducen os actos agraristas.

 

O conxunto de artigos evidencian que a totalidade de conflitos que Sermos Galiza S. A. divulga neste caderno foron resultado dun intenso traballo de axitación social.